publicidade hoxe

San Sadurniño abre o prazo para inscribirse na VII Feira Rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A zona da Cortiña acollerá o próximo 29 de agosto a sétima edición da Feira Rural de San Sadurniño. Un encontro co que se queren promocionar as posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural, ademais de servir como escaparate para produtos e servizos. O prazo para apuntarse na feira está xa aberto. Haberá que cumprimentar o modelo de solicitude e, ademais, os postos tamén terán que satisfacer unha pequena cota de participación para contribuír aos custes de organización. Son prezos pouco máis que simbólicos: 3 euros por cada expositor de artesanía e segunda man e 5 os viveiros e postos de maquinaria, xa que son os que máis espazo ocupan habitualmente.

Estas contías veñen reflectidas no regulamento de participación na feira anexo á folla de inscrición que se poderá presentar no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben enviala ao correo agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. A data límite para apuntarse é o 26 de agosto ás 14.00h. O listado de postos admitidos publicarase na web municipal ao día seguinte. 

As cotas de participación deben pagarse directamente na Casa da Cultura, onde tamén é posible entregar a ficha de inscrición, ou ingresalas na conta ES7420800208013110000059 indicando no concepto “Inscrición VII Feira Rural”. O día da feira será necesario presentar o resgardo do ingreso para acceder ao recinto. Recordamos os prezos: 3 euros para os postos de artesanía e segunda man que, segundo a normativa do evento, poderán solicitar ata un máximo de 6 metros liñais; e 5 euros para os viveiros de planta e as exposicións de maquinaria, sen que existan neste caso límites ao espazo que poden pedir. As entidades sen fins de lucro están exentas da cota aínda que, iso si, terán que presentar copia dos seus estatutos a menos que xa o fixeran con anterioridade para calquera convocatoria municipal.

Máis novidades

Outra novidade que presentará a VII Feira Rural será a configuración do espazo. Desta vez a carpa principal estará situada no centro do arboreto de especies autóctonas, de maneira que os postos do mercado se disporán á beira dos camiños que quedan no seu arredor. Comezará pouco despois das dez da mañá -a hora límite para entrar instalar os postos son as 10.15h.- e os participantes non recollerán antes das 19.00h.

Canda á propia feira haberá unha chea de actividades paralelas que, nalgúns casos, aínda se están cadrando na programación. O que si están pechadas son a roda cicloturista con saída e chegada no recinto, a copa de agility, unha exhibición de pastoreo canino, o concurso de froita do país -con visitas guiadas á horta que hai nas inmediacións-, os paseos en kaiac polo Xubia ou os obradoiros para os nenos e nenas. Ademais, o día será máis longo do habitual este ano. Para a noite o departamento de Mocidade organizou o primeiro festival de música Sons da Cortiña, que contará coas actuacións do grupo local Labanda, de Tarde Piaches e de O Sonoro Maxín, presentados polo monologuista Pedro Brandariz.

6 de agosto de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.