publicidade hoxe

Quintana destaca que as axudas para a mellora da calidade do leite cru favorecen a posta en valor do produto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal Portada
A-
A+
Rosa Quintana na visita á cooperativa de Boqueixón

Rosa Quintana na visita á cooperativa de Boqueixón

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou este mediodía a Cooperativa Leiteira Pico Sacro, en Boqueixón. Alí destacou que as axudas que pon a Xunta a disposición do sector para a mellora da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa favorecen a posta en valor do produto.

A conselleira lembrou que estas axudas, das que se beneficiou a cooperativa Pico Sacro, teñen por finalidade apoiar as actividades encamiñadas á implantación de guías de prácticas correctas de hixiene en gandarías dedicadas á produción láctea procedente de vacún, ovino e cabrún, e a súa certificación externa.

Poden optar a elas as centrais de compra, as cooperativas e sociedades agrarias de transformación que teñan entre os seus obxectivos a comercialización ou a transformación de leite de vaca, ovella ou cabra, e as agrupacións e as asociacións de produtores de leite, que cumpran os requisitos que establece a orde publicada no Diario Oficial de Galicia o 5 de maio. Á convocatoria de 2015 destas achegas a Consellería do Medio Rural e do Mar destina preto de 143.000 euros.

A maiores, a conselleira lembrou que no marco da Política Agraria Común no ano 2014 puxéronse a disposición do sector axudas para fomentar a produción de produtos lácteos de calidade. Neste sentido, na convocatoria de 2014 o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) transferiu máis de 2 millóns de euros a este cometido.

A Cooperativa Pico Sacro

En relación á cooperativa Pico Sacro, a conselleira salientou a súa capacidade para xerar valor engadido no sector da comarca, pois é proveedora de leite de Queizuar (Queixerías Bama), situada en Touro.

Pico Sacro constituíuse no 1985 e ten domicilio social en Ramil-Lestedo (Boqueixón). Conta con 264 socios, dos que preto de 60 son produtores de leite. A súa actividade é a comercialización de leite (primeiro comprador) e a fabricación de pensos. Ofrece os servizos de veterinario, reprodución, alimentación, calidade de leite, certificación de explotacións, programa de seguridade alimentaria, axente de substitución (para que os titulares de explotacións agrarias poidan ter días de descanso ou vacacións) e tenda agraria. Dende 1.996 é proveedora de leite de Queixería Queizuar S.L. (Queixerías Bama).

31 de agosto de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.