publicidade hoxe

O Rodeira proclamouse campión da liga galega de kaiak polo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+

Este fin de semana celebrouse no porto de Cangas o “5º Torneo da Liga Galega de Kaiak Polo-Memorial Carlos Fernández” que serviu para pechar a liga rexional 2015. O R.C.N. Rodeira chegaba á cita co seu público sen coñecer a derrota durante todo o campionato e ademais acudían ao torneo co aliciente de realizar unha homenaxe ao seu compañeiro falecido Carlos Fernández. Á proba acudiron equipos de clubs de toda Galicia e mesmo de Portugal como é o caso do Club Arcos de Valdevez, que participa na competición como convidado, competindo nas categorías absoluta, damas e sub-21.

O torneo deu comezo ás 9.30 horas cos encontros correspondentes á fase de grupos que levou ao Rodeira a enfrontarse contra o Combarro, Umia, os Arcos de Valdevez e o Copacabana co que se enfrontaría de novo máis tarde na final. 

Na categoría sub-21 a vitoria foi para o Copacabana sendo segundos o equipo do R.C.N. Rodeira. En categoría absoluta impúxose o Rodiera vencendo por 8-3 ao Copacabana, que lograra clasificarse tras unha agónica semifinal contra os Arcos por un penalti a 2 segundos de acabar o partido. Os cangueses sufriron durante a primeira parte do encontro, mostrándose moito máis cómodos ao longo da segunda parte logrando tomar distancia no marcador final. Con estes resultados o Náutico Rodeira proclamouse campión da Liga Galega 2015, quedando invictos na competición. 

A entrega de premios tivo lugar na sede social do club coa presenza do concelleiro de Deportes Xoán Carlos Chillón e que tivo como momento máis emotivo a homenaxe dos xogadores do Rodeira ao seu compañeiro de equipo Carlos Fernández, falecido hai uns meses, a quen dedicaron a vitoria.

5 de agosto de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.