publicidade hoxe

O rexedor de Boimorto tacha a moción de censura de “tufo mafioso”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Boimorto, o nacionalista Xosé Luís Rivas Cruz, cualificou de “tufo mafioso” a moción de censura presentada contra el polos cinco edís do PPdeG e o concelleiro do Grupo Mixto José Balado Casal, que concorreu ás eleccións municipais polo PSOE. En declaracións, Rivas vinculou “coas altas esferas” do PPdeG a presentación desta moción, en alusión, en concreto, ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e ao secretario xeral desta formación, Alfonso Rueda.

“É unha manobra premeditada desde hai tempo e unha fraude electoral”, sentenciou o alcalde, no día en que expuxo ante os medios de comunicación o seu posicionamento sobre o texto presentado, ante rexistro, polos promotores da moción.

Nel, argumentan que este concello vive unha situación de “inestabilidade” e lembran que o edil que foi na lista dos socialistas, José Balado Casal, nunca chegou a estar nese grupo (pasou ao mixto directamente).

“É por iso que, os aquí asinantes, propoñen a presente moción de censura, ao alcanzar o PP a maioría dos votos con cinco concelleiros e aproximadamente un 44 por cento dos votos, que distan do 19 por cento obtido polo BNG”, subscriben no texto e, en referencia, aos dous edís obtidos por este partido.

CASO DE TRANSFUGISMO

Fronte a este argumento, o alcalde sinalou que “hai un tufo pestilente polo medio”. Ademais, considerou que o caso do edil do Grupo Mixto supón “transfugismo” polo que, na súa opinión, debería existir un pronunciamiento por parte dos socialistas galegos. “Deste individuo, non vou opinar”, dixo ao ser preguntado polo citado concelleiro.

No caso do PP, asegurou que os seus dirixentes deben clarificar “se xogan á democracia ou non”. “O PP é un partido democrático, pero nel hai talantes e xente que de democracia non fan nada”, sentenciou.

“Isto provén do PPdeG”, insistiu tamén Xosé Luís Rivas, quen lamentou “a crispación” que, na súa opinión, xeraron os promotores da moción. “En Boimorto, volve haber medo a falar”, apostilou o alcalde, quen admitiu, no entanto, que xa prevía “que isto ía suceder”.

Con todo, dixo que esperaba que se producise “máis tarde”, sinalou tras denunciar a existencia dunha reunión entre membros do PP de Boimorto e o actual concelleiro do Grupo Mixto “no mes de xaneiro”, apuntou.

3 de agosto de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.