publicidade hoxe

O PP de Boimorto rexeita que a súa moción de censura sexa transfuguismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+
Europa Press

O grupo municipal do PP de Boimorto (A Coruña) negou ser partícipe dun “pacto tránsfuga” co concelleiro elixido nas listas socialistas José Beado pola moción de censura presentada contra o alcalde nacionalista, Xosé Luiz Rivas Cruz. Nun comunicado, o voceiro do PP de Boimorto, Gonzalo Concheiro, reclamou a “lexitimidade” dos populares para gobernar como lista máis votada, segundo os resultados rexistrados nas eleccións do pasado mes de maio.

Desta forma, no texto da moción de censura rexistrada o 31 de xullo, argumentaban que o bastón de mando pertencía a un alcalde que obtivera “o 19 por cento dos votos”, en detrimento “do 44 por cento dos votos do PP”, que conseguiu cinco concelleiros na casa do concello.

Os resultados dos comicios locais deron dous concelleiros ao Bloque, catro ao PSdeG e cinco ao PP, o que permitiu un pacto para que gobernase o rexedor de Boimorto co apoio socialista.

Sobre o edil elixido na candidatura socialista que apoia a moción de censura, o voceiro afirmou que “é unha persoa que nunca tomou posesión da acta de concelleiro do PSOE, senón que pertencía ao grupo mixto”.

Por iso, a xuízo dos populares, “o único que cambiou dende as eleccións é a postura dun concelleiro, que antes apoiaba ao actual goberno e agora decidiu non o facer”.

Así, Concheiro rexeitou en nome do PP as acusacións do alcalde de Boimorto de “pacto tránsfuga” e avanzou que “acudirá aos xulgados” en caso da máis mínima acusación de suborno ou chantaxe”.

3 de agosto de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.