publicidade hoxe

O hospital de Monforte xa realiza retinografías no servizo de oftalmoloxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

O Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos vén de dotar ao Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos dun retinógrafo, feito que permitiu iniciar hai unha semana a realización de retinografías neste centro hospitalario. Deste xeito, poténciase a atención especializada no medio máis próximo ao cidadán, sen necesidade de que os pacientes da área sur teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios para realizar esta proba oftalmolóxica, mellorando así a atención que se lles presta .O Servizo Galego de Saúde pretende, deste xeito, potenciar este tipo de consultas especializadas e aumentar o número de pacientes atendidos, evitándolles desprazamentos, dentro da súa liña de potenciación da actividade e especialización dos hospitais comarcais, e de mellora da accesibilidade dos usuarios ao sistema sanitario.

A retinografía é unha fotografía en cor da retina e, entre outras moitas indicacións, realiza o cribado no caso da retinopatía diabética e da retinopatía hipertensiva, que é a afectación da retina a causa da diabete ou a hipertensión arterial, unha patoloxía ocular bastante habitual, principalmente en pacientes de maior idade. Ademais desta alteración dos vasos sanguíneos que se soe presentar en pacientes diabéticos ou hipertensivos de longa duración, emprégase tamén para calquera outra patoloxía que poida afectar á vascularización da retina, como as tromboses arteriais ou venosas.

Os pacientes que resultan máis beneficiados coa posta en marcha deste programa son os que teñen patoloxías crónicas, como as mencionadas diabetes e hipertensión, que ademais, en gran parte dos casos están polimedicados, e precisan acudir con frecuencia aos servizos médicos. Estas imaxes tamén serven para diagnosticar precozmente, e valorar, descartar e identificar os problemas que pode xerar unha perda de visión.

Ata a posta en marcha a pasada semana da consulta de retinografía no Hospital de Monforte, os pacientes da área sanitaria sur tiñan que desprazarse a Lugo para realizarse esta proba oftalmolóxica. Agora os profesionais do Hospital de Monforte dispoñen dun retinógrafo que lles permite realizarla no seu hospital e incrementar o volume de pacientes atendidos e a seguimento.

Realizando esta proba no Hospital de Monforte achégase esta atención especializada ao lugar de residencia do paciente e aumentase o seguimento dos pacientes xa tratados ou diagnosticados. Tamén traerá consigo unha diminución dos tempos de espera. Deste xeito, mellórase a asistencia, facilítase o control destas patoloxías e evítanse complicacións, xa que pode realizarse un diagnóstico precoz e iniciar unha actuación terapéutica de xeito máis inmediato.

4 de agosto de 2015 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.