publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno galego destinará 400 millóns de euros á ampliación das instalacións de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta vén de autorizar a licitación do contrato para a ampliación das instalacións do vertedoiro controlado de Sogama en Areosa (Cerceda) co obxectivo de “incrementar nun 36% a capacidade actual de tratamento de residuos” así como “reducir nun terzo o envío de lixo a vertedoiro”.

Así o fixo durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe na que ademais valorou o esforzo do Goberno autonómico para acadar “a mellor xestión dos residuos que sexa posible”.

Feijóo explicou que a ampliación da actual planta de Sogama responde a unha decisión tomada pola Xunta de Galicia tras a realización de varias análises ao longo dos últimos anos nas que se investigou acerca da mellor opción para incrementar a capacidade de tratamento dos residuos así como sobre o procedemento máis axeitado para levalo a cabo. Deste xeito, o contrato que contempla a rehabilitación do complexo medioambiental de Cerceda incorporará a construción dunha nova planta destinada á recuperación de envases do lixo en masa así como a remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Segundo informou o titular do Executivo galego, tanto as obras de ampliación como a operación, mantemento e limpeza de ambas plantas durante un período de 15 anos estarán incluídas no contrato que prevé un investimento de “algo máis de 335 millóns de euros”.

750.000 toneladas de refugallo tratadas

O máximo responsable do Órgano de Goberno autonómico informou que esta actuación permitirá á Sociedade tratar correctamente máis refugallos no seu complexo industrial, pasando dunha capacidade actual de 550.000 toneladas anuais a 750.000 toneladas, o que se traduce nun incremento do 36,6 por cento.

No que atinxe ao mellor tratamento dos residuos, o presidente galego apuntou que a pretensión última é que só se desvíe ao vertedoiro aquela parte do lixo que non poida ser reutilizada, reciclada ou valorizada, tanto material como enerxeticamente.

Nesta liña, Feijóo lembrou que, grazas aos programas de eficiencia instaurados durante os últimos anos no complexo cercedense, o vertido xa fora reducido desde 2009 en preto dun 50 por cento.

Coherencia coa UE e co Plan de Residuos Urbanos

Tamén indicou que a través das novas medidas que se adoptarán proximamente, a actividade de Sogama será plenamente coherente coa xestión xerarquizada que promulga a Unión Europea (que dá comezo coa prevención e a redución, continuando coa reutilización, o reciclado e a valorización da fracción non reciclable para relegar ao vertedoiro a último lugar) así como cos obxectivos fixados no Plan de xestión de Residuos Urbanos 201-2020 que contempla como principais obxectivos a redución, nun 10 por cento, da cantidade de lixo producido, triplicar os niveis de reciclado, subindo do 12-13 por cento actual ao 30 por cento, e minimizar o vertido, baixando do 42 ao 24 por cento.

Con todo, o presidente da Xunta amosou a súa convicción de que a ampliación de Sogama contribuirá a que “en 2017 Galicia conte cunha planta con capacidade para tratar máis e mellor os residuos”.

Deste xeito, a remodelación da planta de Cerceda cumprirá o compromiso de articular unha alternativa que permita alcanzar a súa máxima eficiencia. Un obxectivo do que se beneficiarán “os case 300 concellos adheridos a este modelo” así como “unha Galicia que aspira a incrementar os seus niveis de reciclado e diminuír o depósito de refugallos en vertedoiro”.

6 de agosto de 2015 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.