publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O equipo de Goberno de Curtis propón manter o Martes de Entroido e Nosa Señora dos Remedios como festivos locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O equipo de Goberno de Curtis levará como proposta, para a súa aprobación no primeiro Pleno ordinario desta lexislatura, manter como días festivos locais para 2016 o 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o 8 de setembro (A Nosa Señora dos Remedios, patroa de Teixeiro).

O Pleno ordinario, convocado para o venres, día 7 de agosto, tamén incluirá para o seu debate e aprobación unha modificación de crédito para a execución de obras de rehabilitación e reforzo en viarios e camiños que non estaban contempladas no presuposto pero que o seu mal estado esixe unha rápida intervención.

Estas obras son a mellora do pavimento en vías públicas de Foxado, Abeledo e Curtis, por valor de 154.000 euros; a rehabilitación de camiños en San Cibrao, O Carballal, Edreira e outros, por importe de 30.665 euros, e o reforzo dos camiños da AC-231 a Carroipaz e do tramo da N-634 a Montouto e outros, orzados en 48.772 euros.

Atención ao cidadán

A orde de día abordará, ademais, a proposta do Goberno local para que Curtis renove a súa adhesión ao convenio marco entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a implantación dunha rede de oficinas de atención ao cidadán no ámbito territorial. Como novidade, o novo convenio permitirá que os veciños do municipio poidan dirixir comunicacións e escritos ás Deputaciones Provinciais, aos concellos e ás entidades locais adscritas ao convenio marco través do Rexistro Municipal.

Aprobación do ROM

O debate sobre o Regulamento Orgánico Municipal (ROM), que regulará o funcionamento xeral de todos os órganos de goberno, será un dos puntos máis destacables da orde do día xa que a súa aprobación permitirá unha administración aínda máis eficiente e áxil e unha participación máis directa dos veciños nas decisións de goberno, así como impulsar unha maior transparencia tanto da acción municipal como sobre os datos dos bens e o patrimonio dos concelleiros da Corporación. 

4 de agosto de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.