publicidade hoxe

O Concello de Melide impulsa tres brigadas municipais na loita contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+
Belén do Campo na visita a Melide

Belén do Campo na visita a Melide

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desatacou esta mañá a labor desenvolvida polas tres brigadas municipais do concello de Melide no eido da prevención e loita contra os incendios forestais. Nunha visita ao municipio, a delegada agradeceu o esforzo destas agrupacións e destacou, ademais, o compromiso da alcaldesa, Ánxeles Vázquez, xa que “este é o concello da comarca de Terras de Melide –e mesmo da provincia– que máis efectivos solicitou á Consellería de Medio Rural e do Mar, que financia esta iniciativa”, indicou.

Do Campo recordou que estas brigadas dedican unha parte da súa xornada laboral a realizar tarefas de desbroce e limpeza e o resto do tempo a colaborar cos concellos veciños alí onda se poida producir un incendio, para axudar na súa extinción. As brigadas do concello de Melide están constituídas por tres equipos de seis membros que realizan actividades de limpeza no municipio, como a roza e a eliminación de restos en terreos municipais, de dono descoñecido ou en vías nas que a limpeza mecanizada é impracticable e debe facerse a man. Ademais, cooperan prioritariamente na defensa contra os lumes, integrándose no dispositivo do Distrito Forestal ao que pertence o concello. A maiores, os tres grupos contarán co apoio doutros tres condutores de motobomba.

Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia, aproveitou a súa intervención para apelar á conciencia de toda a cidadanía para que “vexan que no monte se pode producir riqueza e non destrución”. Ademais, agradeceu a colaboración cidadá no tocante á axilidade para alertar dun lume a través do número 085, xa que “este é o maior aliado para evitar danos maiores”, lembrou a delegada.

Do Campo destacou que estas tarefas de prevención tamén afectan á imaxe do noso territorio, xa que “as actuacións focalízanse en que as franxas que bordean os núcleos tanto rurais como urbanos do concello de Melide se atopen limpas e despexadas”.

En total, a Xunta de Galicia colabora na loita contra os incendios forestais co financiamento de 62 brigadas na provincia da Coruña, repartidas entre os 48 concellos que as solicitaron o que supón unha contratación de 317 traballadores e traballadoras.

7 de agosto de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.