publicidade hoxe

O Concello de Cangas abre a convocatoria para a xornada de Salsa Letal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O equipo de traballo das Festas do Cristo que está formado por Eva Rodríguez, concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo; Héitor Mera, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística e Andrés García, concelleiro de Xuventude e Voluntariado está planificando toda a programación para dito evento e nesta ocasión informan sobre a convocatoria de Salsa Letal, a xornada de autoedición e banda deseñada.

Salsa Letal é unha alternativa ao Salón do cómic que este ano, por falta de presuposto, tivo que ser cancelado e quedou integrado, parcialmente, na programación das Festas do Cristo. A xornada recollerá diversos proxectos creativos, co fin de que sexa un espazo onde amosar, promover e vender os traballos.

Está programado para o venres día 4 de setembro e preténdese que sexa unha xornada lúdica na que haberá sesión vermú, actividades para nenos e concertos, actos que acompañarán ao Mercado de fanzines e autopublicacións, ademais dunha exposición.

Por iso convidan aos artistas que estén interesados en vender ou amosar os seus fanzines, cómics ou láminas a participar nesta xornada de autoedición e banda deseñada. Para iso deben enviar un correo electrónico a salsaletal@gmail.com antes do 16 de agosto, no cal recollan seu nome ou o da asociación que representan, unha breve reseña explicativa da súa actividade e unha mostra delas a través de ligazóns as súas webs ou portafolios.

Os artistas seleccionados, que contarán cunha mesa na que expoñer e vender os seus traballos no adro da Excolexiata de Cangas, deberán atender o seu posto dende ás 12:30 ata as 20:00 horas, sendo cada un responsable do seu espazo e de seu material.

3 de agosto de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.