publicidade hoxe

Noite de cine en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

O programa Noite de Cine que promove a Deputación Provincial da Coruña e que en Carral se leva a cabo coa colaboración da Concellería de Cultura, ofrecerá dúas películas o mércores 2 de setembro. As proxeccións realizaranse no Campo da Feira, comezando ás 21:30 h coa película Frozen: el reino del hielo, e continuando ás 23:00 h con Lo imposible.

A primeira das películas é unha produción dos estudios de Disney que acadou dous premios Oscar e que converteu aos seus personaxes Elsa, Anna e Olaf, en referentes do público infantil. Pola súa banda, Lo imposible, do director español Juan Antonio Bayona e cos actores Naomi Watts e Ewan McGregor, obtivo cinco premios Goya e foi nominada aos Oscar e aos Globos de Ouro. Este drama, baseado nun feito real, narra a historia dunha familia que viviu nas súas propias carnes o tsunami do 2004 en Tailandia.

O acceso ás películas é de balde. No caso de choiva, as proxeccións faranse na sala do edificio social Toñito Espiñeira.

MAMÁ CABRA E TANXARINA TÍTERES ANIMARÁN AS TARDES DA FIN DE SEMANA DAS FESTAS DO SOCORRO

Por outra banda, a Concellería de Cultura do Concello de Carral programa nas festas do Socorro de Carral dous espectáculos infantís. O primeiro é un concerto do grupo Mamá Cabra, no que repasará a súa traxectoria destes 15 anos de existencia da agrupación musical que é unha das máis coñecidas dos nenos galegos. Mamá Cabra actuará o sábado 5 de setembro e é un concerto incluído na Rede Cultural da Deputación.

O domingo 6 os pequenos e os maiores da familia poderán gozar dun espectáculo de títeres a cargo da compañía galega Tanxarina, que chega a Carral coa súa veterana función Titiricircus, un espectáculo que acumula 1200 representacións. Trátase dunha lembranza fantástica e festiva do grande circo  de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido. Esta función está incluída no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.

Ámbolos dous espectáculos terán lugar no Campo da Feira a partir das 18:00 h.

31 de agosto de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.