publicidade hoxe

Máis filmes, sección galega e actividades paralelas no Festival de Curtametraxes de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendarioLocal Portada
A-
A+
Presentación do Festival

Presentación do Festival

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu amplía este ano a súa programación a 28 filmes, cinco deles correspondentes a nova sección para obras galegas, e incorpora actividades paralelas como unha charla sobre literatura e cine ou unha campaña cos comerciantes. O certame desenvolverase no Centro Social do Mar entre o 7 e o 12 de setembro, segundo lembraron hoxe os organizadores no acto de presentación.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, apuntou que o evento contribúe a que a vila “siga medrando en valores desde a cultura e o deporte” e destacou que esta 8ª edición “bateu todos os récords en canto ao número de películas enviadas desde diferentes partes do mundo”. Recibíronse 2.087 traballos de 107 países, cun incremento notable das nacionalidades estadounidense e, sobre todo, alemá, tal e como reflicte o predominio xermano da selección final.

Así o puxo de manifesto o director do FICBUEU 2015, Manuel Pena, quen tamén explicou que as proxeccións terán lugar de luns a venres, en senllos pases idénticos ás 20 e ás 22 horas, con entrada de balde. “Cada sesión abrirase cunha curta galega e agardamos que algúns dos directores se acheguen a presentalas”, avanzou. O sábado ás 21 horas celebrarase a entrega de premios e, ao remate, a festa de clausura na tapería Rosalinda. Con anterioridade, ás 18 horas haberá un encontro con directores galegos e internacionais no pub Aturuxo, promovido pola asociación de realizadores Crea, que será aberto ao público.

O Concelleiro de Cultura, Carlos Eirea, foi o encargado de expoñer as accións previas que se levarán a cabo na xornada do 6 de setembro, “buscando abrir o festival a máis espazos e ir introducindo actividades alén das proxeccións”. Neste senso, ás 12 horas o profesor e investigador Salvador Castro manterá unha charla arredor das relacións entre cinema e literatura coas persoas que se acheguen ata o Centro Social do Mar. No mesmo domingo, ás 21 horas o Auditorio de Cangas acollerá o visionado dunha escolma de curtas premiadas en anteriores edicións do FICBUEU.

Tamén o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, tomou a palabra na presentación desta mañá para salientar que “se trata dun festival de referencia non só pola calidade das cintas, senón tamén polo gran número de persoas que asisten”. A Deputación de Pontevedra é un dos principais patrocinadores do certame organizado polo Concello de Bueu, canda La Caixa, a Fundación Novas e a naviera Nabia, amais doutra ducia de colaboradores locais.

‘Bueu ten un comercio de película’

A estes súmase a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, que desta volta repartirá 300 euros en premios coa campaña ‘Bueu ten un comercio de película’. “Entendemos que o comercio é vila e a vila é comercio, polo que debemos apoiar as actividades socioculturais na medida das nosas posibilidades”, argumentou o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses. Serán 27 establecementos os que decoren os seus escaparates con motivos cinematográficos, cada un facendo referencia a un filme clásico que a clientela deberá adiviñar. Os boletos depositaranse na furna colocada na sala de exposicións Amalia Dominguez Búa e os gañadores daranse a coñecer na gala de clausura do FICBUEU 2015.

31 de agosto de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.