publicidade hoxe

Máis de trescentos corredores participarán na Carreira Nocturna de Vilagarcía

A falta dunhas horas para o peche da inscrición, xa está confirmado que máis de trescentas persoas participarán mañá na XXII Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía. A proba terá como punto de partida a explanada do Auditorio e consitirá na realización de percorridos de diferentes distancias en función das idades dos deportistas, xa que se trata dunha Carreira Popular aberta, sen límite de idade, e na que todos os participantes levarán premio polo simple feito de correr.

A Fundación Municipal de Deportes aposta por primar participación e a práctica do deporte por riba da competitividade, de aí que este ano decidírase destinar o orzamento dos premios en metálico que se daban aos tres primeiros clasificados das categorías absoluta á adquisición de trofeos, medallas e camisetas para agasallar a todos os corredores tanto da modalidade absoluta como das categorías inferiores.

Con este carácter popular, a XII Carreira Nocturna do Concello de Vilagarcía dará o pistoletazo de saída o sábado 8 de agosto ás 21:00 horas dende á explanada do Auditorio. As proba está aberta á participación de nenos e adultos sen límites de idades nin por abaixo nin por arriba. Para que a proba sexa igualitaria, establécense diferentes categorías en función da idade dos participantes e tamén distancias adaptadas aos mesmos.

Nas cinco categorías inferiores tomarán parte os rapaces e nenos nados do ano 1999 en diante. Os máis cativos, os da categoría A, terán que correr unha distancia entre 100 e 150 metros, os da B, 500 metros; os da C e D deberán cubrir os 1.000 metros e os máis grandes, os das categorías D e F, farán un percorrido de 4.000 metros. Todas estas distancias realizaranse en base a percorridos e circuítos polo Parque Miguel Hernández. As probas comezarán ás 21:00 horas.

A proba da categoría absoluta consta dunha distancia de 7.500 metros que deberán cubrir todos os corredores nados en 1998 e anos. A saída e liña de meta estarán emprazadas na explanada principal do Auditorio e para completar o percorrido, os corredores deberán dar tres voltas ao circuíto que se establecerá dende a saída, bordeando o parque Miguel Hernández cara o ramal e continuando por Rivero de Aguilar e Valle Inclán para xirar na rotonda de acceso ao Porto e regresar por Valle Inclán e Rivero de Aguilar ata a glroeta do peirao de pasaxeiros, coller por Elpidio Villaverde cara a explanada do Auditorio e repetir o circuíto.

A saída da proba absoluta está prevista para as 22:30 horas.

Inscricións

A inscrición nas categorías inferiores é de balde e os máis rezagados terán a oportunidade de anotarse mañá mesmo na liña de meta, ata 45 minutos antes do inicio da proba.

Os corredores que compitan na categoría absoluta tiveron que terse anotado previamente a través da www.championchipnorte.com . A cota era de 5 euros máis 1 euros correspondente ao chip medidor de tempos..

A carreira Nocturna de Vilagarcía forma parte da programación de verán que desenvolve a Fundación de Deportes e enmárcase tamén no contexto das festas Patronais de San Roque 2015.

O concelleiro de Deportes e presidente da Fundación, Argimiro Serén animou aos vilagarciáns de calquera idade e condición física a tomar parte na Carreira Nocturna xa que o obxectivo da mesma é promover a vida saudable a través do deporte. O edil fixo extensible a invitación a todas as persoas que pasan o verán en Vilagarcía ou nos visitan durante estas festas así como a veciños doutros concellos.

Na presentación deste evento deportivo, Serén tamén quixo agradecer a colaboración das empresas patrocinadoras, especialmente a Frinsa, así como ao traballo dos clubs colaboradores, Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, e distintos servizos municipais que fan posible a celebración da proba encargándose da loxística previa e da desmontaxe final, e que velan pola seguridade dos corredores e normal desenvolvemento da proba.

En canto á repercusión da proba deportiva sobre o tráfico rodado da cidade, o primeiro corte realizarase a partir das 16:00 horas e afectará ao tramo da Avenida da Mariña comprendida entre os cruces de Elpidio Villaverde e a Rúa Colón. Nesta zona está previsto instalar a liña de saída e a meta, así como as mesas da organización. O resto das rúas pecharanse minutos antes do inicio da carreira.

7 de agosto de 2015 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.