publicidade hoxe

Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña participan no Campionato do Mundo de Maratón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+
Óscar Graña e Ramón Ferro

Óscar Graña e Ramón Ferro

Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña, todos eles compoñentes do Kaiak Tudense, participarán no Campionato do Mundo de Maratón tras confirmar a Federación Española de Piragüismo a configuración do equipo nacional. Os tres aspiran a estar no podio na competición que se disputará en Gyor (Hungría). Iván Alonso competirá en K-1 e K-2, mentres os seus compañeiros farano en C-2.

Os tres son grandes especialistas nestas disciplinas. Iván Alonso non se baixa do podio mundial desde que logrou o seu primeiro título en Roma en 2012. Logrou seis medallas nos últimos anos. En 2014 foi segundo en K-1 e terceiro en K-2 no Mundial que se disputou en Oklahoma (Estados Unidos). Na actualidade, o padeeiro tudense é o vixente campión de Europa en K-2 xunto a Emilio Merchán, co que formou equipo nos últimos anos.

Ramón Ferro e Óscar Graña posúen un amplo historial deportivo. Nos últimos dez anos lograron estar nove veces no podio na modalidade de C-2. Proclamáronse tres veces campións do Mundo e aspiran a repetir esa xesta en Hungría. O seu éxito máis recente foi o subcampeonato de Europa que se celebrou en Eslovenia.

Os compoñentes do Kaiak Tudense xa se preparan para unha das citas máis importantes da tempada que se disputará entre os días 11 e 13 de setembro. Iván Alonso traballa no río Miño, mentres Ramón Ferro e Óscar Graña fano en Pontevedra, aínda que acoden algunha vez a Tui para estar cos seus compañeiros.

Óscar Graña tamén foi protagonista fóra do ámbito deportivo. A pasada semana rescatou a unha muller de morrer afogada no río Lérez, un xesto que lle valeu un amplo recoñecemento social. O padeeiro tamén é Policía, traballo que compaxina coa súa actividade deportiva.

7 de agosto de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.