publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia enteira mostra á súa repulsa ao parricidio de Moraña

Europa Press
Concentración na Xunta en repulsa ao crime de Moraña. Foto: A. Varela

Concentración na Xunta en repulsa ao crime de Moraña. Foto: A. Varela

A sociedade galega sacou á rúa este luns o seu rexeitamento e indignación polo dobre crime que o pasado venres se cobrou a vida de dúas nenas de Moraña (Pontevedra), supostamente a mans do seu pai, con diversas concentracións celebradas en distintos puntos de toda a comunidade galega.

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago mostraron a súa “repulsa e condena” con dous actos na capital galega. Por unha banda, dirixentes e traballadores do Executivo autonómico concentráronse ao redor das 12,00 horas ás portas do edificio de San Caetano, encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e acompañados pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, entre outros.

López Abella expresou a “tristeza e repulsa absoluta” do Goberno galego ante este asasinato, que “marca un antes e un despois para este municipio e para toda a sociedade galega”.

Respecto diso, a responsable de Igualdade sinalou que “a única maneira de evitar este tipo de situacións é a prevención”, aínda que puntualizou que “cando non hai denuncias previas ou non se ten detectado desde os servizos sociais ou desde os Centros de Información á Muller, é moi complexo”.

A continuación, apuntou que a administración debe ser “moi prudente e respectuosa ante a investigación xudicial” en marcha e afirmou que, en caso de confirmarse oficialmente o caso de violencia de xénero con resultado de morte, “a Xunta persoarase no caso”.

“Se non fose así, non nos podemos persoar, porque a lei galega non nolo permite”, apuntou López Abella, que mandou un “abrazo tremendo a toda Moraña, á familia e a todos os veciños” do municipio pontevedrés.

En paralelo, o Concello de Santiago mostrou o seu “contundente e firme rexeito aos crimes de violencia machista” cunha concentración na mañá deste luns ás portas do Pazo de Raxoi. Na concentración participaron representantes de todos os grupos con representación no consistorio santiagués, que gardaron un minuto de silencio en honra ás nenas asasinadas.

Alí, a alcaldesa en funcións, María Rozas, manifestou o “firme apoio” da institución que lidera para “traballar nas medidas preventivas que loitan contra a secuela da violencia machista”.

“Desde aquí, mostrar o noso máis contundente e firme rexeito aos crimes de violencia machista que, en demasiadas ocasións, teñen como vítimas directas aos nenos”, declarou Rozas ao termo da concentración.

SILENCIO NA CORUÑA

Igualmente, concelleiros de todas as forzas representadas en María Pita -Marea Atlántica, PP, PSOE e BNG- déronse cita ás portas do Concello da Coruña para gardar un minuto de silencio polo crime.

En declaracións aos xornalistas, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, trasladou o seu “apoio” á familia das menores e expresou a súa “repulsa por este tipo de asasinatos”.

Tamén defendeu que se inclúan na Lei de Violencia de Xénero e avanzou que o Goberno local “traballará nesa liña”, ademais de ver necesario “ampliar o concepto”.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Carlos Negreira, expresou a súa “solidariedade” coas familias e o apoio “a todas as medidas que sexan necesarias” ante actos que tachou de “indesexables”. Na concentración, estiveron presentes tamén a edil do BNG Avia Veira e o portavoz do Grupo Municipal do PSOE, José Manuel Dapena.

3 de agosto de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.