publicidade hoxe

Educación inviste máis de 750.000 euros na reforma e mellora dun total de 34 centros educativos de Vigo e a súa área

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaCangasGondomarMoañaMosNigránO PorriñoPontevedraRedondelaSalvaterra de MiñoVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de investir este ano máis de 750.000 euros para levar a cabo traballos a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) nun total de 34 centros educativos de Vigo e a súa área territorial. Concretamente, actúase en 20 colexios de Primaria e 14 de Secundaria dos concellos de Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, Moaña, Cangas, O Porriño, Mos, Redondela e Salvaterra do Miño.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP San Salvador de Teis, na cidade olívica, un dos centros de educación primaria nos que se levaron a cabo este tipo de reformas. Neste colexio substituíuse a cuberta da infraestrutura educativa debido ás filtracións de auga que existían na maior parte dos espazos docentes polo que, coma dixo Bravo Bosch, “era unha actuación necesaria para impedir as filtracións de auga así coma as humidades nas paredes interiores e os descunchados das pinturas de teitos e cerramentos”. A actuación –cun prazo de execución de dous meses- xa está rematada e tivo un investimento superior aos 60.000 euros.

Acompañada pola directora do centro, Esperanza Dacosta, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do centro educativo, que conta con 172 alumnos e alumnas de infantil e primaria e un equipo de mestres de 18 profesionais.

Entre a súa oferta formativa, o CEIP San Salvador de Teis está acollido dende o curso 2008/2009 ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) recibindo un investimento por este concepto de case 10.000 euros. Ten concedidos dous contratos-programa para un grupo docente interno e un grupo PROA (reforzo, orientación e apoio) e nos últimos cursos escolares recibiu preto de 1.500 euros para distribuír froita fresca en virtude das axudas concedidas polo Fondo Galego de Garantía Agraria para a súa distribución ao alumnado de centros escolares. Ademais, nos últimos anos a Xunta investiu preto de 204.000 euros en diversas reformas e melloras do centro educativo a maiores da realizada este ano. É salientable a nova instalación da calefacción (132.000 euros), a substitución do material de cubrición ou pequenas reformas nas ventás, entre outros.

A delegada destacou así o investimento realizado nos centros de Primaria e Secundaria explicando que na cidade de Vigo tamén se realizaron melloras para o vindeiros curso escolar na EEI Monte da Guía, no CEIP Vicente Risco, no CEIP Illas Cíes, e nos IES Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Castelao, Ricardo Mella ou no IES Valadares, entre outros.

Pola súa banda, nos concellos da área territorial hai que sinalar entre as actuacións máis importantes nos centros de Primaria: o cambio de cuberta no CEIP Belesar de Baiona (137.000 euros); a reforma do comedor do CEIP Neira Vilas de Gondomar (34.000 euros); a reforma da instalación eléctrica do CEIP Humberto Juanes de Nigrán (60.000 euros); a reparación da cuberta do patio e vestiarios do CEIP Laredo-Chapela en Redondela (16.000 euros) ou a adaptación para ximnasio no CEP Carlos Casares de Salvaterra do Miño (55.000 euros). Mentres, no que se refire aos centros de Secundaria, as obras máis relevantes son: a reforma da cuberta do ximnasio do IES Val Miñor en Nigrán (25.500 euros) ou a mellora da instalación eléctrica do IES Pino Manso do Porriño (27.000 euros).

Estas actuacións inclúense dentro do paquete de intervencións deseñado polo departamento de Educación para a posta a punto dos centros educativos de cara ao comezo do vindeiro curso escolar 2015/2016. Deste xeito, a Xunta de Galicia traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos.

Investimentos en Vigo e área

Bravo Bosch amosou así o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da área territorial de Vigo durante os últimos anos. Exemplo disto son os 19 millóns de euros que o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez destinou soamente a diferentes obras que van a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) dos centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial no período 2009-2015.

Neste senso, Vigo cidade foi a máis beneficiada xa que no mesmo período de tempo a Xunta de Galicia investiu máis de 12 millóns de euros para o mesmo fin nos centros educativos da cidade.

6 de agosto de 2015 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.