publicidade hoxe

Cores Tourís visita o remate das obras de reforma e reposición de ventás do CEIP de Coirón-Dena en Meaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeaño
A-
A+
Cores Tourís na visita a Meaño

Cores Tourís na visita a Meaño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Meaño para analizar coa alcaldesa do municipio, Lourdes Ucha, o remate das obras de reforma e reposición de ventás do CEIP de Coirón-Dena. Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

As obras consistiron na reforma e substitución das fiestras situadas na ala sur do colexio, xa que o sistema de peche na meirande parte delas encontrábase defectuoso e contaron cun orzamento de 40.000 euros aportados pola Xunta e o concello. Deste xeito evitarase a entrada de frío, calor e humidade conseguindo un bo clima de habitabilidade e ao mesmo tempo un aforro de gasto de combustible.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas outras melloras neste centro como a renovación e adecuación do depósito de combustible á normativa vixente, cun orzamento de preto de 4.000 euros, ou a montaxe e instalación do comedor, “esta última contando cun presuposto de case 50.000 euros”, explicou o delegado territorial.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma noutros centros de Primaria e Secundaria do municipio, como a reforma da instalación eléctrica e da carpintería exterior no CEIP As Cobas ou a reparación das cubertas do IES de Meaño. “Lévanse destinados máis de 760.000 euros por parte da administración autonómica, trátase dun investimento moi importante para a adecuación e benestar dos centros do concello de Meaño”, engadiu o delegado territorial.

Ao termo da visita ambas administracións acordaron o cambio das fiestras das catro aulas de infantil situadas na planta baixa, para as cales a administración autonómica destinará outros 20.000 euros. Os traballos comezarán co inicio do curso e desenvolveranse durante a fin de semana.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos”, engadiu.

31 de agosto de 2015 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.