publicidade hoxe

Cores Tourís comproba en Cotobade o remate das obras de mellora do CEIP de Tenorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cotobade

Cores Tourís na visita a Cotobade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cotobade para analizar co alcalde do municipio, Jorge Cubela, o remate das obras de mellora da cuberta do ximnasio que se están a realizar no CEIP de Tenorio. Durante a visita, o responsable territorial e a alcaldesa analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

Os traballos, que consisten na reforma da cuberta do ximnasio, debido ás filtracións de auga polo paso do tempo e os cambios na climatoloxía, contan cun orzamento de case 35.000 euros, aportados entre a Xunta de Galicia e o concello de Cotobade. Neste caso a Consellería de Cultura e Educación destinou 23.000 euros ao cambio da cuberta, mentres o municipio aportou 12.000 para o pintado exterior do pavillón e novas ventás.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva outras melloras neste centro como a substitución do termo eléctrico ou a reforma da instalación do saneamento das augas, “esta última contando cun presuposto de máis de 35.000 euros”, explicou o delegado territorial.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora noutros centros do municipio como a reforma da instalación da fontanaría ou a de gas no CEIP de Carballedo, “contando cun investimento de máis de 160.000 euros entre os centros de educación Primaria e de Secundaria”, segundo explicou o delegado territorial.

Durante a visita o delegado territorial e o alcalde acordaron facer un informe técnico para avaliar a reparación do peche exterior do centro. Deste xeito, a obra será asumida ao 50% por ambas administracións.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos”, engadiu.

31 de agosto de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.