publicidade hoxe

As obras da rede de sumidoiros no Pereiro e Cadrelo comezarán neste mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao Concello de Marín

Ethel Vázquez na visita ao Concello de Marín

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou que este mes de agosto comezarán as obras da rede de sumidoiros nos lugares de Pereiro e Cadrelo (parroquia de Santo Tomé de Piñeiro), no Concello de Marín. Así o confirmou a conselleira de Medio Ambiente esta mañá á alcaldesa de Marín, María Ramallo, durante unha reunión de traballo na que abordaron a situación do saneamento deste concello pontevedrés.

Vázquez Mourelle salientou o esforzo da Xunta en materia de saneamento, pois a actuación que está a piques de iniciarse conta cun investimento de arredor de 540.000 euros, que se suma aos investimentos da obra de saneamento de Pereiro- O Pozo, que facilitará a posta en servizo da infraestrutura xa rematada de Miñán-A Esperela. As previsións de Augas de Galicia son que esta actuación se remate este mesmo verán. Ambas actuacións suman un investimento dun millón de euros para este ano.

Ethel Vázquez recordou que estas dúas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do cal xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.

Tamén hai que engadir outra actuación xa finalizada en Marín, a mellora do saneamento no lugar de Miñán- A Esperela. Grazas a estas obras, os núcleos de Miñán, A Troncosa e A Esperela dispoñen dunha infraestrutura de saneamento que lles permite conectarse coas redes municipais de saneamento máis próximas e xa existentes, como é a da parroquia de San Tomé de Piñeiro ou a da parroquia de O Campo. O investimento desta actuación foi de 753.000 euros.

Vázquez lembrou que Augas de Galicia segue a traballar a prol do saneamento da ría de Pontevedra, e que se continúa coa realización de diagnósticos e análises da situación das redes de saneamento, así como na planificación de actuacións de mellora que eviten verteduras sen depurar á ría.

Indicou que Xunta e concellos deben aproveitar o novo período operativo de fondos europeos que se abre e apostou por traballar conxuntamente co fin de acadar o saneamento da ría de Pontevedra, dada a importancia que ten a mesma desde o punto de vista dos ecosistemas, da produción pesqueira e marisqueira e do turismo.

Mellora da seguridade viaria

Outros dos puntos abordados na reunión entre a conselleira e a alcaldesa centrouse na situación das estradas Marín-Rande (PO-551) e Marín-Moaña (PO-313). A conselleira trasladou que a Axencia Galega de Infraestruturas analizará a posibilidade de executar actuacións de seguridade viaria e sendas peonís, dentro do programa de actuacións de mellora da mobilidade e a seguridade vial.

Con estas obras, axeitadas ao tráfico e requirimentos da estrada, compatibilizarase a mellora do tránsito en condicións cómodas e seguras cunha mínima afección para os veciños e veciñas da zona. A través deste tipo de actuacións, a Xunta pretende dotar aos concellos galegos dunhas infraestruturas viarias máis seguras e confortables para os usuarios.

7 de agosto de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.