publicidade hoxe

A Xunta investiu máis de 67.000 euros na mellora de 5 camiños municipais en Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá o municipio para comprobar o resultado dos traballos executados en 5 camiños das zonas de Nespereira, Ermida e Cepeda ao abeiro do Plan Marco 2014-2015 de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana concedeu a axuda solicitada polo Concello de Pazos de Borbén ao abeiro do Plan Marco do período 2014-2015 para executar a mellora do firme de 5 camiños no Galleiro, nas zonas da Igrexa-O Valado e Panadeira, en Nespereira; no cruce Cepeda-O Galleiro e na parroquia de Ermida.

A delegada destacou o importante incremento do orzamento neste concello, que ascende a un 69% con respecto á anterior convocatoria, posto que se investiron preto de 67.000 euros (66.845,13) nos traballos feitos nos 5 camiños, sendo a cantidade subvencionable pola Administración autonómica de case 56.000 euros (55.243,91 euros) mentres que o goberno local fíxose cargo do resto, que corresponde ao pago do IVE.

As obras xa están rematadas e, concretamente, para mellorar a seguridade dos camiños que se atopaban en mal estado de conservación foi necesario mellorar e reforzar o firme cunha capa de aglomerado en quente en capa de rodadura de 6 cm. de espesor para o seu mantemento. Concretamente, nos reforzos dos firmes dos 5 viais actuouse nunha lonxitude total que chega case aos 900 metros en varios tramos con anchos variables ademais de levar a cabo a limpeza da superficie, cunetas e, nalgún caso, a drenaxe da plataforma do camiño para rematar co posterior recheo.

Este tipo de actuacións son moi ben acollidas entre os veciños e veciñas das zonas nas que se actúa. De feito, a delegada salientou que con estes traballos “búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas parroquias e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”. En definitiva, a través de distintos programas deste tipo de axudas ao medio rural, o Concello de Pazos de Borbén recibiu no período 2009-2015, máis de 230.000 euros para actuacións en zonas rurais do municipio.

O novo Plan Marco 2014-2015

Ao abeiro do novo Plan Marco, que este ano está cofinanciado entre a Consellería de Medio Rural e do Mar e a Deputación de Pontevedra, nos 14 concellos pertencentes á área territorial de Vigo o investimento deste Plan chega a ser de preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ao período 2013-2014 de case un 75%.

O novo Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), vén de ser unha continuación do plan 2013-2014 e o seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

Os criterios de reparto para desenvolver o Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A través deste convenio, os concellos da provincia de Pontevedra benefícianse dun investimento de arredor de 5 millóns de euros (4.885.847,90€). Destes fondos, un total de 2.304.476 euros corresponderon á anualidade de 2014 e os 2.581.371 euros restantes á anualidade de 2015. Os concellos aportarán o IVE dos proxectos co cal o investimento total na provincia será de máis de 6 millóns de euros.

5 de agosto de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.