publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de construción do punto limpo de Baralla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarallaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar as obras para a construción do punto limpo de Baralla, en Lugo. Os labores foron adxudicados por un orzamento de máis de 250.000 euros (254.820,00), do cal o 80% está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no Marco do Programa Operativo Feder 2007-2013.

Segundo as previsións estímase que a construción do punto limpo, o cal contará cunha superficie total de más de 1.200 metros cadrados, finalizarase para finais do mes de outubro, xa que se estima un prazo de execución de máis de dous meses e tres semanas.

A obra dotará ao Concello de Baralla dunha instalación que permita recoller os materiais especiais que polas súas características de volume e perigosidade non se poden depositar nos colectores existentes nas rúas.

En concreto trátase dunha actuación que mellorará a loxística na xestión do depósito de residuos. De feito, un dos seus beneficios reside na redución dos impactos sobre a saúde pública, a paisaxe e o medioambiente, xa que evitará a vertedura incontrolada de lixo. Tamén permitirá un abaratamento nos procesos de valorización de residuos dando cumprimento ás esixencias europeas en materia de xestión de refugallos e aproveitará os materiais contidos nos residuos a través da redución do consumo de materias primas e recursos naturais.

Ampliar a rede de puntos limpos

Cómpre lembrar que a comezos deste ano, a Xunta licitou cinco puntos limpos, co que se estende e reforza a rede de puntos limpos municipais, tal e como se fixa no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020. Na actualidade, un total de 139 están rematadas (que dan cobertura e servizo a 223 concellos galegos, é dicir, ao 86,8% da poboación galega).

Nun prazo máis amplo, o novo Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos prevé que o número de instalacións deste tipo se aproxime ás 300 antes de finais de 2020. O investimento previsto pola Xunta para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes, ascende a máis de 21 millóns de euros, cun investimento concreto de 1,6 millóns de euros previsto no ano 2015.

Os obxectivos fundamentais deste tipo de infraestruturas son separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente ou a saúde; evitar o vertido incontrolado de escombros e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

4 de agosto de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.