publicidade hoxe

A Xunta destina 55.000 euros a obras de mellora en varios colexios da comarca de Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousameNoiaPorto do Son
A-
A+
Belén do Campo na visita ás obras

Belén do Campo na visita ás obras

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio Público Integrado (CPI) Cernadas de Castro, no concello de Lousame, para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se están a realizar traballos deste tipo nos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Felipe de Castro, de Noia, e Santa Irene, de Porto do Son. O investimento total para todos os centros da comarca é de 54.285 euros.

Do Campo percorreu as dependencias educativas acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola directora do centro, Pilar Cobas. Neste colexio estase a reformar a cuberta do comedor para evitar filtracións e a reparar os canalóns do pavillón. Durante a visita, a delegada territorial destacou o compromiso do Goberno galego para “o mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, unha vez máis cos mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar”.

Pola súa parte, no centro de Noia os traballos que se están a levar a cabo consisten na reforma da fachada do edificio para paliar as deficiencias detectadas, mentres que en Porto do Son estase procedendo á reposición das canalizacións e baixantes defectuosas. A máxima representante do Goberno autonómico na provincia destacou que estas actuacións nos centros educativos da comarca de Noia inclúense dentro do paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso.

Todas estas actuacións están planificadas para ser executadas durante o período non lectivo das vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións estarán rematadas nas próximas semanas.

Do Campo resaltou, ademais, que “o Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos, así como para dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos centros”.

4 de agosto de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.