publicidade hoxe

A vindeira semana abrirase o prazo para presentar alegacións ao novo ROM de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Pleno de Curtis

Pleno de Curtis

O Regulamento Orgánico Municipal (ROM) de Curtis, que regulará o funcionamento xeral de todos os órganos de goberno e que inclúe novos mecanismos de participación cidadá e de maior transparencia, sairá a exposición pública a finais da próxima semana. Unha vez que hoxe o Pleno da Corporación deu luz verde a este regulamento, tramitarase por urxencia para que nuns días se expoña ao público e os cidadáns poidan presentar as alegacións que consideren oportunas. O prazo para presentar as suxestións será dun mes.

O ROM, moi similar ao que teñen outros concellos de diversas cores políticas, segundo lembrou o portavoz popular, Antonio Fraga, incorpora a posibilidade de que os veciños poidan participar nos plenos e establece a figura dos Consellos Sectoriais, onde estarán sentados representantes cidadáns. Ademais, recolle tamén o compromiso da alcaldía pola transparencia, o acceso á información e o bo goberno ao crear un Rexistro de Intereses e facer públicas as declaracións da renda, bens patrimoniais, participación en sociedades e incompatibilidades de todos os membros da Corporación Local.

O BNG votou en contra do ROM porque, ao seu xuízo, non garante a transparencia. O PP ínstoulle a presentar as alegacións no prazo legal establecido para que se poidan estudar.

Festivos locais

O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, fixar os días festivos locais para 2016 o 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o 8 de setembro (A Nosa Señora dos Remedios, patroa de Teixeiro). Ademais, deuse luz verde, coa abstención do BNG, dunha modificación de crédito para a execución de obras non contempladas no presuposto pero que o seu mal estado esixe unha rápida intervención. Estas obras son a mellora do pavimento en vías públicas de Foxado, Abeledo e Curtis, por valor de 154.000 euros; a rehabilitación de camiños en San Cibrao, O Carballal, Edreira e outros, por importe de 30.665 euros, e o reforzo dos camiños da AC-231 a Carroipaz e do tramo da N-634 a Montouto e outros, orzados en 48.772 euros.

Ciclos formativos

O BNG, pola súa banda, presentou unha moción instando a manter os ciclos formativos do IES de Curtis, moción que o PP votou en contra por “chegar tarde”, segundo sostivo o alcalde, porque todas as peticións incluídas na moción “foron xa executadas”. Javier Caínzos explicou que, sempre en coordinación cos responsables do Instituto, xa se presentou por escrito e nunha reunión co conselleiro de Educación, a esixencia de manter os ciclos. O compromiso de Educación foi mantelos a condición de que se cubran o mínimo de prazas. “E o número de inscricións que levan de momento apunta a que poden cubrirse en setembro”, aclarou o rexedor. 

7 de agosto de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.