publicidade hoxe

XXV Romaría Labrega da Chaira na Carballeira do Cancelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitiriz
A-
A+

A vindeira fin de semana cumprirán xa 25 anos desde que tres mozos dos Vilares, Pastora, Mar e Xurxo idearon crear unha romaría tradicional no lugar da Conchada, nas Reixas reivindicando a desaparecida feira que tiña lugar alí mesmo nos cobertizos hoxe en ruínas e que foran  referencia na comarca.

Cambiada en pouco tempo á carballeira do Cancelo, onde se sigue a celebrar, a Romaría Labrega fíxase un.lugar na historia dos eventos tradicionais coas coñecidas carreiras de cabalos, a pé e bicicleta, as competicións de segadoras, de gadaña, pastoreo e mesmo simulacros de mallas misturado todo coa música e os xantamos familiares na natureza.

Nos pregóns da Romaría figuran nomes tan importantes como os de Xulio Xiz, Marica Campo ouTareixa Novo entre outros moitos e do que este ano será protagonista o deán e antigo párroco dos Vilares, Segundo López.

Son coñecidos os Voceiros da Romaría coa guía telefónica da parroquia polos alcumes dos veciños, a súa aportación ao Convivio entre veciños e familias, os seus divertidos concursos de baile…

A Asociación de Veciños dos Vilares, adicou a Romaría o pasado ano ao seu veciño máis ilustre, Xosé María Díaz Castro, que acompañou na primeira edición aí seu amigo poeta Manuel María na inauguración dunha exposición de fotos antigas na que encomendou a Pastora Veres o traballo que está a desenvolver neste intre co libro, documentario e outras actividades baixo o nome xenérico de “Os Vilares,lareira de soños”.

Antoxos da historia, Manuel María será dous anos despois do seu amigo Pepe do Vilariño o protagonista das letras galegas, do que nos sentimos fachendosos nos Vilares pola estreita relación do Manuel coa parroquia en particular e con todo Guitiriz.

Este ano, por suposto, a Romaría Labrega da Chaira, foi recoñecida polo proxecto da Lareira de Soños co premio Trapeira de Honra 2015 por eses 25 anos de promoción da cultura, a etnografía chairega e a convivencia. Un traballo meritorio, altruísta e cooperativo que acada 25 anos de existencia a pesares das dificultades de manter este tipo de eventos no tempo.

Houbo ao longo destes tempos un mantedor fundamental da Romaría, Jesús Veres (Suso de Vicentiño) que a pesares dos cambios xeneracionais e as lóxicas flutuacións de persoas nun cuarto de século, foi quen de manter a Romaría, coa implicación da parroquia.

Os Vilares do poeta, demostra a súa vitalidade tamén con esta festa, así como coas numerosas iniciativas culturais e sociais nunha parroquia rural castigada, como tantas, polo abandono, a despoboación e o avellentamento.

Aniversario pois, os días 8 e 9 de agosto na carballeira do Cancelo da Romaría Labrega da Chaira, á que desexamos, alomenos, outros 25 anos! Longa vida á ROMARÍA LABREGA DA CHAIRA! 

31 de xullo de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.