publicidade hoxe

Xunta e Fundación Eduardo Pondal achegarán formación práctica en innovación e investigación a estudantes da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPonteceso
A-
A+

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, e o presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luis Fondo, asinaron esta tarde en Ponteceso un acordo de colaboración para impulsar a posta en marcha de actuacións de formación no eido da innovación e a investigación destinadas aos estudantes da Costa da Morte.

Mediante o convenio asinado hoxe, a Consellería de Economía e Industria apoia con 18.000 euros esta acción piloto que permitirá a rapaces a partir de 10 anos acceder a unha formación complementaria á dos centros de ensino, adquirindo coñecementos adicionais. Os participantes levarán a cabo proxectos en equipo sobre ámbitos do seu interese, fomentando temáticas como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas, entre outros.

Un dos obxectivos principais desta iniciativa, que está previsto que se desenvolva na sede da Fundación na Casa do Cura en Cospindo durante dúas horas semanais os sábados, é que os alumnos poidan presentar os seus traballos a feiras e concursos científicos nacionais e internacionais.

Precisamente outra das actuacións que forman parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación é a feira científica Galiciencia, un evento que este ano cumpre o seu décimo aniversario e que, con este motivo, está a levar espectáculos científicos por toda Galicia.

A Consellería tamén colabora co Parque Tecnolóxico de Galicia nas Aulas Tecnópole, unha actividade de capacitación en habilidades científicas e innovadoras na que participan alumnos de Secundaria e Bacharelato. Tamén no eido da divulgación científica, a Consellería de Economía e Industria promove o espectáculo científico Big Ciencia e colabora coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na celebración do Día da Ciencia en Galicia, que cada ano conmemora a figura dun investigador destacado para difundir o seu legado entre a sociedade.

17 de xullo de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.