publicidade hoxe

Voluntariado ambiental en Curtis para coidar a contorna da Reserva da Biosfera do río Mandeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Concello de Curtis colabora coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no programa de voluntariado ambiental ‘Curtis – Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’, aberto a participantes a partir de 16 anos en diante co obxectivo de coidar e preservar a masa forestal. A iniciativa desenvolverase do 20 de xullo ao 14 de agosto en quendas de cinco días.

A través desta actividade, para a que aínda está aberto o prazo de inscrición, os voluntarios, que recibirán formación previa, apoiarán aos equipos de extinción de incendios, tanto en labores de vixilancia estática como de vixilancia disuasoria, interactuando coa poboación local para informarlles e explicarlles as limitacións do uso do lume na tempada estival, pero tamén como apoio loxístico no caso de incendio. Ademais, entre os seus obxectivos encádranse, entre outras accións, a limpeza ambiental, repintar a sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio e o estudo do río Mandeo para a súa mellor conservación.

O programa inclúe o aloxamento e pensión completa no albergue do Centro Etnográfico do Río Mandeo en Teixeiro, así como o seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Os edís de Medio Ambiente, Antonio Fraga, e de Xuventude, Esther Lago, destacan a importancia deste tipo de programas para concienciar á poboación da necesidade de coidar a contorna natural, especialmente en áreas protexidas pola Unesco como é a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que se integra o municipio de Curtis.

8 de xullo de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.