publicidade hoxe

Vedra acolle a presentación da nova xira dos Bolechas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVedra
A-
A+
Valentín García na presentación da nova xira dos Bolechas

Valentín García na presentación da nova xira dos Bolechas

O Miradoiro do Gundián na Ponte Ulla acolleu esta mañá a presentación da nova xira dos Bolechas por concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, no marco da actividade “Os Bolechas na máquina do tempo” do “FalaRedes 2015”. A familia animada máis coñecida de Galicia chegará desde esta fin de semana ata outubro a outros 36 concellos ata completar o seu percorrido por 40 localidades da RDL.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentouna esta mañá nunha rolda de prensa na que sinalou que “os Bolechas son un referente positivo para a xente miúda por estaren todas as súas actividades e propostas totalmente identificadas coa promoción do uso da lingua e da cultura galegas. Se hai uns personaxes animados 100% galegos e en galego, eses son os Bolechas”. García Gómez explicou que desde o programa “FalaRedes” se quere aproveitar a fidelización e a potencialidade destes personaxes para dinamizar o uso da lingua propia no lecer e tamén a valoración positiva do galego. Acompañárono Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra, e Tomás Valín, responsable de Edicións Bolanda.

Unha aventura a través do tempo para dinamizar o idioma

Os tan coñecidos personaxes deseñados por Pepe Carreiro volven darse cita desde esta mesma fin de semana cos seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, a cativada de entre 4 a 8 anos, nunha nova viaxe chea de aventuras e de diversión: “Os Bolechas e a máquina do tempo”, un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simula unha aventura a través do tempo e que retoma o sábado 18 a súa xira por concellos da RDL, no marco do “FalaRedes 2015”, con 36 novas paradas.

Nesta nova aventura, logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro no trebello do doutor Apolodoro, un científico turuleque que os levará a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

A actividade ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde a cativada se pode facer con cadanseu diploma de viaxeiro e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.

Primeiras funcións en Vedra e en Caldas de Reis

Logo de facer parada, despois da estrea da actividade no mes de marzo, nos concellos de Ourense, Cambados, Santiago de Compostela e Cee, a actividade retoma a súa xira este mesmo sábado en Vedra, cunha función no Museo Paz Camps de San Fin de Sales, ás 19:00 horas; e o domingo en Caldas de Reis, con outra no Auditorio Municipal, ás 12:00 horas. A entrada será, como vén sendo habitual no “FalaRedes”, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Nas fins de semana de xullo, setembro e outubro, a proposta chegará aos concellos de Rodeiro, Guitiriz, Betanzos, Neda, Pontedeume, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Muros, Brión, Dodro, Padrón, Ames, Oroso, Burela, Vilalba, Castro de Rei, Ribeira, Lousame, Negreira, Cerceda, Santa Comba, Ponteceso, Ribadavia, Celanova, Barbadás, Cerdedo, Aranga, Abegondo, Noia, Mos, Moraña, Ponteareas, Marín e Soutomaior. Farao, no caso das provincias da Coruña e de Pontevedra, coa colaboración das deputacións provinciais.

O calendario completo da actividade xa está dispoñible en www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística desenvolve desde marzo a súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades ofrecidas no marco da RDL durante as tres anteriores. Ademais de “Os Bolechas na máquina do tempo” está en xira dentro do “FalaRedes 2015” o espectáculo de dinamización lingüística “Estamos no verán!!!”, de Xoán Curiel e a banda Son+d2, que esta fin de semana chegará aos concellos de Barreiros (Lugo), Ribadumia (Pontevedra) e Bueu (Pontevedra).

As propostas que se integran no “FalaRedes” buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Chegará ata finais de ano aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego, para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada, que conta na actualidade con preto de 170 entidades adscritas.

14 de xullo de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.