publicidade hoxe

Uns 250 xóvenes de entre 9 e 17 anos participarán este verán no campamento ‘Aventura no Camiño’ de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortomarín
A-
A+

Un total de 250 mozos e mozas de entre 9 e 17 anos están a participar durante este verán nas actividades que oferta o albergue xuvenil de Benigno Quiroga en Portomarín (Lugo). En primeiro lugar, o campamento para nenos e nenas de entre 9 e 11 anos con deportes de bicicleta e actividades náuticas de vela e piragua. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos 50 participantes da segunda quenda, das catro totais que se desenvolverán ao longo do verán.

Ademais, nestas instalacións terá lugar a iniciativa ‘IMPLICA-T no Camiño de Santiago’, entre o 11 e o 18 de agosto, na que participarán 50 mozos e mozas de entre 14 e 17 anos. A mesma céntrase en actividades de voluntariado relacionadas co Camiño de Santiago, bicicleta, piscina e kaiak.

Posteriormente, a directora trasladouse ata o campo de traballo Casa da Neveira, que se está a desenvolver en Xermade entre o 7 e o 18 de xullo, onde visitou aos 13 participantes de entre 18 e 30 anos. Nesta iniciativa realizarán a redacción e execución dun proxecto de escavación, divulgarán o proxecto a través da web do concello, limparán a área arqueolóxica e levarán a cabo diferentes visitas a puntos de interese da zona.

En total, na provincia de Lugo ofertaranse este verán máis de 1800 prazas dentro da campaña de verán, nas instalacións de Area en Viveiro, Benigno Quiroga en Portomarín, A Devesa en Ribadeo, Os Chacotes en Palas de Rei, o Lug 2 en Lugo e o Poboado dos Peares en Carballedo, así como nos campos de traballo de Castromaior en Portomarín, Camiño de Inverno en Quiroga e Casa da Neveira en Xermade.

A oferta a nivel autonómico ascende a 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. Para a súa posta en marcha, o departamento inviste 2,4 millóns de euros. Grazas a esta iniciativa, favorecerase ademais a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos.

14 de xullo de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.