publicidade hoxe

Unha trintena de barcos pelexarán pola vitoria do Trofeo Conde de Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportes
A-
A+

Este venres empeza en Baiona a cuadraxésima edición do Trofeo Conde de Gondomar, unha competición organizada polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de SabadellGallego e Storax.

A primeira das etapas, unha das máis emocionantes do trofeo, é o Campionato de España de altura Storax, e está reservada para os barcos das clases ORC 0, 1, 2 e 3. Trátase da mítica subida ao Carrumeiro Chico, un percorrido de ida e volta de máis de 90 millas desde Baiona, coa dificultade engadida de que as tripulacións deberán realizar parte do trazado de noite.

Este ano afrontarán o reto unha vintena de embarcacións chegadas desde diferentes puntos de España e Portugal. Entre elas, barcos como o Pottoka, do Pais Vasco, patroneado por UnaiBasurko, Premio Nacional de Vela en 2012 polo seu proxecto PakeaBizkaia. Tamén estarán no Conde de Gondomar deste ano o Gran Fisgón, do Real Club Náutico de Palma de Mallorca ou o Gran Jotiti, recentemente chegado a Baiona desde as Illas Canarias.

Xunto a eles, tripulacións portuguesas e galegas habituais nas competicións do Monte Real, como o Fend a Bise, do Iate Clube do Porto; ou os Aceites Abril, de Luís e Jorge Pérez Canle, que na edición anterior do Conde conseguiu o título de Campión de España de Altura. O Salseiro ou o Pairo 8 son outros dos barcos que pelexarán este ano por completar con éxito a etapa máis difícil do Trofeo Conde de Gondomar.

Unha vez finalizada a etapa do Carrumeiro, quedarán aínda outras dúas probas para completar a cuadraxésima edición do trofeo. O sábado, festivo de Santiago Apóstolo, sairán á auga os barcos das clases ORC 4, e os monotipos J80 e Fígaros, para realizar un percorrido dunhas 30 millas ao redor do arquipélago das Ons. Para a noite, a programación inclúe unha cea mariñeira con degustación de xenebra Raffles e tónica Nordic.

O domingo, terceiro e último día de regatas, hai programadas dúas probas barlovento-sotavento nas que medirán as súas forzas todas as tripulacións participantes. Ese mesmo día, unha vez finalizada a competición, terá lugar a entrega de premios aos gañadores nas instalacións do Monte Real Club de Iates. 

Coa repartición de trofeos porase o punto e final á edición número corenta do Conde de Gondomar sedará inicio á conta atrás para a próxima gran cita deportiva do club baionés, a trixésima edición do Trofeo Príncipe de Asturias, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro.

24 de xullo de 2015 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.