publicidade hoxe

Un total de 72 postos participarán no mercado local de San Sadurniño este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O segundo mercado local do verán terá lugar nos xardíns municipais ao longo de toda a mañá deste domingo cun total de 72 inscricións confirmadas. Viveiros, produción de alimentos, artesanía e artigos de segunda man mesturaranse de novo nun evento que busca potenciar o comercio de proximidade e ser un argumento máis para chamar polo turismo.

Se lle facemos caso a Meteogalicia semella que polo tempo non haberá que preocuparse. O sábado estará bo e o domingo volverá encapotarse con posibilidade de que caia algún orballo aínda que, de vir auga, será xa pola tarde. Polo tanto todo apunta a que teremos unha mañá de domingo sen ese sol abafante dos últimos días e sen chuvia. Un día perfecto de mercado, vaia.

De novo poderemos atopar nel case de todo: hai inscritos 3 viveiros de planta, 15 expositores de alimentos frescos e transformados, 23 que venden artesanía, 12 que traen manufacturas xunto con artigos de segunda man e 19 centrados exclusivamente nas oportunidades, como son os libros, os discos, todo tipo de ferraganchos, xoguetes vintage e as máis variadas e sorprendentes curiosidades.

Aínda que o mercado arrancará sobre as 10 da mañá, o comezo da actividade no recinto iniciarase dúas horas antes. E é que desde que se cambiou de sitio foi necesario ordenar a entrada asignando horas concretas para a montaxe dos postos en cada zona. De feito os viveiros terán que andar por alí sobre as 7.45 h. e a partir dese momento iranse incorporando en tres quendas cada media hora o resto de puntos de venda.

Os horarios de acceso dos 72 postos participantes poden consultarse na ligazón que hai ao pé desta nova e que dá acceso ao listado de inscritos que xa se publicou no facebook na tarde de onte.

29 de agosto, Feira Rural

Grande parte dos postos que poderemos ver no mercado -por non dicir todos- poderemos atopalos na Feira Rural que se celebrará o sábado 29 de agosto. Comezará, como é habitual, ás 10 h. ao pé do río Xubia e o día virá cargado de actividades complementarias -e algunhas sorpresas- para todas as idades: obradoiros infantís, concurso de froita, exhibición de pastoreo canino, ruta ciclista, visitas guiadas á horta de froiteiras do país, etc.

A feira pretende ser unha chamada de atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno, xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo. O programa aínda non está completamente pechado. Porén, o que si se pode adiantar é que nesta edición a xornada vai ser máis longa e tamén festeira. E é que ás 22.00h. empezará o Festival de música A Cortiña organizado polo departamento de Mocidade dentro do calendario de actividades orientadas á xente nova que se quere impulsar desde o Concello. Actuarán o grupo local Labanda, Tarde Piaches e os ourensáns O Sonoro Maxín. Unha noite que, ademais, contará entre actuación e actuación co humor de Pedro Brandariz.

24 de xullo de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.