publicidade hoxe

Últimos días para inscribirse no mercado local en San Sadurniño deste domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Os xardíns municipais acollerán este domingo o segundo mercado local do verán para ofrecer unha alternativa de comercialización de todo tipo de produtos, desde os frescos e transformados ata os artigos de segunda man. Os expositores e expositoras que queiran participar aínda están a tempo de enviar a súa solicitude para reservar sitio nunha cita xa consolidada no calendario comarcal de feiras e mercados. O seguinte encontro será o domingo 29 de agosto, cando o mercado se inscribirá na Feira Rural que se celebra todos os anos ao pé do río Xubia.

O mercado organizado polo departamento de Desenvolvemento local ten como principal obxectivo conectar mellor a pequena produción e comercialización coa clientela final, sen intermediacións e procurando que as cousas teñan un prezo xusto tanto para quen vende como para quen compra. Se ben a intención inicial era que a maior oferta dispoñible fose a de produtos alimentarios, pouco a pouco a artesanía e a ocasión foron ganando terreo ata converter o evento nun grande bazar cheo de variedade que, quizais, sexa a clave do seu éxito. 

E é que no mercado local de San Sadurniño está consolidado como un dos máis atractivos da comarca para o público e para quen acode cun posto. No primeiro caso porque hai moito onde escoller e moito que mercar a bo prezo, e no segundo porque tanto o contorno como a disposición son aliados á hora de animar as vendas.

No mercado do domingo seguramente se repita o número de postos da edición do pasado mes de xuño, en que se xuntaron no recinto arredor dun cento de puntos de venda. Porén, para coñecer a cifra definitiva haberá que agardar ao xoves, cando se publicará o listado de inscricións aceptadas.O prazo para apuntarse remata este mércores, 22 de xullo, ás 14.00h. Para facelo hai que cubrir a ficha dispoñible un pouco máis abaixo e presentala no rexistro municipal, por corrreo postal (Lugar do Casal nº 16, 15560, S. Sadurniño), ou mandándoa ao correo agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es, calquera das tres opcións é válida.

Outro mercado na Feira Rural

O Mercado local do domingo non será o último do verán. O Concello volverá integralo dentro da programación da Feira Rural, que se celebra no lugar da Cortiña o próximo 29 de agosto. Alí estarán a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participan habitualmente nos mercados locais, pero tamén haberá postos relacionados co ambiente e o aproveitamento sustentable dos recursos naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo. O programa definitivo da feira darase a coñecer nas próximas semanas, así como o prazo específico para se inscribir nela. 

20 de xullo de 2015 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.