publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Tres persoas falecen nunha explosión dunha pirotecnia en Leiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLeiroLocal PortadaPortada esquerdaSucesos
A-
A+
Europa Press

Tres persoas morreron a consecuencia dunha explosión rexistrada nunha pirotecnia situada na entidade local menor de Berán, no municipio ourensano de Leiro, segundo informou a Guardia Civil de Ourense. Segundo confirmou o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, a explosión rexistrouse en Pirotecnia Abad e os falecidos son o dono da empresa, José Antonio Abad, de entre 58 e 60 anos de idade, a súa esposa e unha traballadora do negocio.

A Pirotecnia Abad está situada nunha zona de monte coñecida como Agra, enriba da zona de Barzamedelle, situada dende Leiro saíndo cara a Berán.

As súas instalacións, dedicadas á fabricación de todo tipo de foguetes, foron construídas hai uns 15 anos e segundo o alcalde, “tiña todo en regra e cumpría os requisitos de distancia de seguridade” aos núcleos de poboación.

Ata o lugar desprazáronse os artificieros da Guardia Civil para investigar as causas do suceso, pero segundo as primeiras hipóteses, a explosión rexistrouse na caseta de mestura.

OUTRO ACCIDENTE

En xullo de 2003, un furgón de Pirotecnia Abad cargado de fogos artificiais sufriu un accidente de tráfico e faleceron dúas persoas a consecuencia da explosión causada polo choque entre un camión e a furgoneta cargada con 400 artificios pirotécnicos.

Ante a explosión acontecida este xoves, o alcalde de Leiro trasladou á familia as súas condolencias e avanzou que probablemente este venres se celebre un pleno extraordinario para declarar algunha xornada de loito.

Ata o lugar do sinistro desprázanse nestes momentos o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o subdelegado en Ourense, Roberto Castro.

2 de xullo de 2015 | 22:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.