publicidade hoxe

Tres familias de Brión acollen a cativos saharauís durante os meses de xullo e agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Recepción aos cativos saharauis

Recepción aos cativos saharauis

Tres familias de Brión participan este verán na campaña “Vacacións en Paz”, un programa de acollemento organizado pola organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e que conta coa colaboración do Concello de Brión. O alcalde de Brión, José Luís García, e a concelleira de Servizos Sociais, Iolanda Bouzas, recibiron ás familias e aos pequenos Mohamed (11 anos), Lalil (11 anos) e Lekuar (14 anos) no Centro Social Polivalente.

As familias compartiron as experiencias destes primeiros días de acollida, na que todos coincidiron en facerlles unha revisión médica aos pequenos. Así, Ana Regueiro explicou que o seu pequeno presenta problemas de desnutrición que afectan ao seu crecemento, pero que se atopa con problemas “para conseguir citas médicas porque nos dan datas nas que o rapaz xa ten que estar de volta”. Ademais, confirmaron que “son rapaces que están moi integrados e que se portan moi ben”, indicou Josefa Suárez.

José Luís García e Iolanda Bouzas ofrecéronlles ás familias todo o apoio e colaboración do Concello de Brión, que achega 2.670 euros para financiar este convenio. José Luís García felicitou ás familias participantes “polo seu traballo na acollida destes pequenos, que hai que agradecer de todo corazón. En todo o que poidamos, botaremos unha man”. Así mesmo, Iolanda Bouzas entregoulles uns libros aos rapaces para incrementar os fondos da biblioteca que están montando en Tindouf.

22 de xullo de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.