publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sogama aforrará 1,6 millóns de euros anuais co novo contrato de transporte combinado de residuos por ferrocarril e estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaGaliciaLocal Portada
A-
A+

A Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, aforrará máis de 1,6 millóns de euros ao ano grazas ao novo contrato de transporte combinado de residuos por ferrocarril e estrada. Sogama vén de adxudicarlle á UTE RenfeMercancías-Logirail-Copasa, por un importe de máis de 131 millóns de euros (máis IVE) e un período de 10 anos, o servizo integral de transporte combinado de residuos urbanosdesde as 37 plantas de transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego ata o complexo medioambiental de Cerceda.

Co novo contrato, Sogama aforrará 136.154 euros ao mes, o que se traduce en máis de 1,63 millóns de euros anuais. Desta forma, a entidade dá cumprimento a unha das principais premisas contempladas no seu plan de viabilidade, que é a de aproveitar sinerxías e abaratar custos operativos e de xestión.

O novo modelo permitirá duplicar a cantidade de residuos que se transporta por ferrocarril, pasando do 25% actual ata o 55%, e superando considerablemente o mínimo do 43% por cento que figuraba nos pregos do contrato. Desta forma, Sogama dá un paso máis cara á sustentabilidade ambiental, xa que minorará as emisións de CO2, ao tempo que reducirá a circulación de vehículos pesados por estrada e aforrará nos tempos de transporte.

Ademais, a UTE adxudicataria prevé por en marcha unha nova liña de conexión de tren coa estación de Lugo, que vén sumarse ás dúas existentes actualmente en Ourense e Vigo, desde as cales viaxan por ferrocarril da orde de 500 toneladas diarias de refugallos.

A contratación deste servizo enmárcase no Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, que impulsa unha xestión máis eficaz e eficiente do lixo, incluíndo todos os traballos necesarios para efectuar o transporte do mesmo nas mellores condicións.

Cabe recordar que o canon único que Sogama aplica aos 295 concellos adscritos ao seu modelo, con independencia da súa situación xeográfica, características e particularidades, non só inclúe o tratamento final do lixo na infraestrutura central de Cerceda, senón tamén o transporte desde as estacións de transferencia ubicadas en distintos puntos xeográficos da comunidade, así como a operativa e xestión destas infraestruturas.

17 de xullo de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.