publicidade hoxe

Sober incrementa a oferta de restauración coa apertura de ‘Merenzao’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober vén de adxudicar o restaurante de Cadeiras co obxectivo de incrementar a oferta gastronómica da Ribeira Sacra e dar resposta á demanda de visitantes que cada día acoden coñecer o santuario e o miradoiro sobre os Canóns do Sil.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, subliña que “con esta apertura avanzamos no desenvolvemento económico e turístico de Sober e da Ribeira Sacra poñendo a disposición dos nosos veciños e veciñas e de todos e todas as turistas unha ampla oferta de restauración”.

O espazo gastronómico, que levará por nome ‘Merenzao’, vai estar xestionado por José Ramón Martínez Mareque e abrirá todos os días durante o verán en horario continuado desde a mañá á noite. Disporá de servizo de bar, restaurante e terraza. Mareque explica que se contará “cunha oferta de calidade composta por produtos da zona e cunha abundante carta de viños da DO Ribeira Sacra, nomeadamente de viño de Amandi”.

A apertura deste novo establecemento trae consigo a creación de cinco postos de traballo en Sober. Deles, o xefe de cociña e a responsable de sala foron alumnos da Escola de Hostalería de Rosende. 

A inauguración será mañá ás 20:30 horas, nun acto aberto a todos os veciños e veciñas e a aqueles visitantes que se queiran achegar.

22 de xullo de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.