publicidade hoxe

Santiago descobre a singularidade dos viños amparados pola D.O. Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurenseSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada de viños Monterrei en Santiago

Xornada de viños Monterrei en Santiago

A sede de Campus Stellae, situada na compostelá Praza da Quintana, acolleu hoxe a  presentación de 34 marcas de viño pertencentes a 18 adegas incluídas na D.O. Monterrei. Diversos profesionais do sector déronse cita no lugar e participaron nunha degustación dos viños da colleita 2014 nun acto que estivo apadriñado polo actor galego Rubén Riós, orixinario do municipio de Riós, un dos concellos que conforman a denominación de orixe de Monterrei. A dirección da cata correu a cargo do experto Luís Paadín, que se encargou de ofrecer as explicacións técnicas oportunas, acompañado da presidenta da D.O. de Monterrei, Asunción Rodríguez, e de persoal do Consello Regulador.

No acto participaron, ademais, o director-xerente de Galicia Calidade, Alfonso Caballero, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto.

Trece premios no período 2007-2015

Durante o acto, a presidenta da D.O., Asunción Rodríguez, sinalou que a xornada se enmarca nunha iniciativa de promoción itinerante dos viños de Monterrei, que percorrerá varias cidades. “A emblemática Praza da Quintana pareceunos o lugar idóneo para iniciar o percorrido”, sinalou Rodríguez, quen puxo en valor, ademais, como mostra da puxanza e do éxito dos viños de Monterrei o feito de que trece marcas desta D.O. (tanto de carácter colleiteiro como industrial) sexan distinguidas entre 2007 e 2015 como mellor viño branco ou tinto de Galicia. De feito, na última edición dos premios anuais que promove a Xunta distinguiuse a Gargalo Treixadura &Albariño, da D.O. Monterrei, como mellor branco de Galicia. 

Máis de 2.000 anos de historia

Pola súa banda, o experto Luís Paadín referiuse ao carácter diferenciado dos viños de Monterrei en relación ao doutras denominacións de orixe galegas. Segundo sinalou, aínda que “de características atlánticas” o microclima da zona (con máis calor que noutras áreas) marca os viños e faios singulares. “Son uns viños moi divertidos e moi variados, moi diferentes uns de outros”, asegurou.Tamén lembrou Paadín que Monterrei foi o primeiro lugar de Galicia onde se plantaron viñedos “fai máis de 2.000 anos”. “Monterrei ten unha historia única e a explosión que viven os seus viños non é froito da casualidade”, apostilou.

Por último, o secretario xeral de Medio Rural da Xunta de Galicia fixo fincapé na relevancia de combater “a venda ilegal de viño”. Segundo lembrou Fernández-Couto, vender viño sen etiqueta é unha “irregularidade” e compralo supón unha “irresponsabilidade”.

Monterrei exporta o 17% da súa produción

Esta campaña de promoción pretende dar a coñecer a singularidade e tradición vinícola de Monterrei e pór en valor os viños industriais e colleiteiros que existen na zona e que cada vez contan cun maior prestixio no ámbito nacional e internacional. De feitos, o ano pasado a D.O. de Monterrei exportou ao estranxeiro o 17% da súa produción total.Despois de Santiago de Compostela, Madrid será a seguinte urbe na que o público poderá coñecer directamente as singularidades dos produtos desta D.O. 

Túnel do Viño

Ademais desta xornada destinada ao público especializado, a D.O. organizará os días 15 e 16 de xullo, tamén na Praza da Quintana, o Túnel do Viño, no que os asistentes poderán degustar as mostras seleccionadas polas distintas adegas. 

O consumidor disporá de todo tipo de información sobre as mesmas, así como de todo o material preciso para catar as distintas referencias de Monterrei dispoñibles para a ocasión. Ademais, aquelas persoas que desexen adquirir algún dos viños presentes na degustación, poderán facelo no punto de venda directa presente tamén na sala. 

Sobre a D.O. Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei é unha do cinco denominacións galegas. Confórmana 24 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 467 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores. En 2014 a produción total da D.O. alcanzou os 2,8 millóns de quilos de uva. 

14 de xullo de 2015 | 15:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.