publicidade hoxe

San Sadurniño estende o programa de depuradoras biolóxicas ao lugar do Chao, en Naraío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Os departamentos de Obras e Medio Ambiente iniciaron hai case dous anos un ambicioso programa piloto para poñer a proba a viabilidade de pequenas redes de saneamento baseadas na depuración biolóxica. A primeira experiencia púxose en marcha no lugar da Vila, en Ferreira, e tras comprobar que os resultados son satisfactorios agora o sistema empeza a estenderse a outros puntos do territorio. Esta mesma semana comezaron as obras dun novo punto de depuración no lugar do Chao, en Naraío. Trátase dun investimento cercano aos 36.000 euros financiados ao 100% con cargo ás axudas do Fondo de Compensación ambiental.

O funcionamento deste modelo de tratamento das augas fecais é sinxelo. Consiste basicamente na instalación dunha foxa séptica colectiva de grande capacidade que rebosa cara a unha balsa impermeabilizada escavada no chan. Nela bótase un sustrato de gravas e, sobre elas, plántanse xuncos e outras plantas acuáticas que filtran e depuran a auga coas raíces. 

“É un sistema simple, efectivo e moi barato. Só hai que facer a obra inicial e despois preocuparse de facer análises periódicas da calidade da auga, non fai falla máis mantemento. Tampouco hai cheiros, nin consumo de electricidade, nin necesidade de engadir produtos químicos”, explica Secundino García. “A da Vila, en Ferreira, está funcionando desde hai case dous anos e o seguemento analítico indica que estamos diante dun modelo de saneamento ideal para pequenos núcleos no rural”. Estímase que unha rede sanitaria convencional para todo San Sadurniño tería un custe superior aos 30 millóns de euros sen contar o mantemento posterior polo que, segundo o alcalde, o modelo biolóxico “é asumible economicamente executándoo en varios exercicios e, ademais, tamén é sostible desde o punto de vista ambiental”.

A nova depuradora do Chao daralle servizo a unha ducia de vivendas deste lugar de Naraío situadas na banda norte da AG-64, aínda que xa vai dimensionada para atender outras tantas se fose necesario. O custe da obra é de 35.992,19 euros e estaa executando a empresa Begasucegsa. Empezaron polo final, pola construción da balsa, pero a obra comprende tamén a instalación dunha pequena rede de sumidoiros coas correspondentes arquetas de rexistro e puntos de acometida ás casas. 

O cento por cento do finanzamento provén das liñas de axuda do Fondo de Compensación Ambiental, que se nutre do canon pagado polas empresas eólicas asentadas en Galicia. Segundo aclarou o concelleiro de Participación veciñal, Manolo Varela, a elección do emprazamento para esta nova rede de saneamento “responde a unha proposta expresada dentro do proceso de orzamentos participativos”. Pola súa banda o alcalde precisou que a intención municipal é levar o modelo “a outros puntos do concello onde sexa tecnicamente viable e sempre que haxa terreos dispoñibles para a instalación das infraestruturas necesarias”.

16 de xullo de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.