publicidade hoxe

San Sadurniño colaborará co Concello de Moeche no servizo de recollida de voluminosos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoecheSan Sadurniño
A-
A+
Reunión dos alcaldes

Reunión dos alcaldes

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asinaron este mediodía un convenio de colaboración para que este último municipio inicie o servizo de recollida de voluminosos valéndose dos medios técnicos e humanos do de San Sadurniño. O acordo terá unha vixencia de un ano -prorrogable de forma automática- e con el búscase, ademais, optimizar recursos públicos. Neste sentido, ambos rexedores sinalaron que o convenio suscrito hoxe supón o primeiro paso para establecer un marco de cooperación intermunicipal tanto no desenvolvemento de infraestruturas como na prestación compartida de servizos á cidadanía.

A proposta de colaboración xorde do interese do Concello de Moeche en poñer en marcha no municipio un servizo de recollida de enseres semellante ao que funciona en San Sadurniño desde hai varios anos. O contido do documento asinado por García e Bascoy establece que, dunha banda, San Sadurniño porá a disposición de Moeche un camión con guindastre e un condutor mentres que, por outra, Moeche se encargará de deseñar a ruta de recollida e de achegar un operario de apoio. 

Os departamentos de servizos dos dous municipios organizarán a loxística de maneira que o servizo se preste de forma coordinada unha vez ao mes, procurando que a data elixida coincida con momentos en que os recursos técnicos e humanos dun e doutro teñan menor carga de traballo. 

O convenio tamén estipula os custes que deberá asumir Moeche, cifrados polo Concello de San Sadurniño en 178,89 euros por xornada despois de sumar todos os gastos do vehículo -prezo medio do combustible, mantemento, seguro, etc.- e os correspondentes aos custes salariais do condutor. Unha contía que pode variar no caso de que se fagan máis ou menos horas ou no suposto de que San Sadurniño teña que reforzar o servizo puntualmente con persoal propio a maiores do condutor. O pagamento do servizo será trimestral. 

O alcalde de San Sadurniño sinalou que o convenio lle vai permitir a San Sadurniño “optimizar os recursos técnicos e humanos dispoñibles” e situou o acordo nun contexto de proximidade xeográfica e social “que facilita compartir servizos” facéndoos máis efectivos e reducindo os custes indirectos que teñen para os veciños e veciñas” Secundino García destacou ademais que este convenio para a recollida de voluminosos “vai máis aló”, explicando que ambos consistorios traballan “nun acordo marco no que se establezan máis posibilidades”, como poderían ser, entre outras, o desbroce na rede viaria, a conservación de pistas que enlazan os dous municipios, o mantemento de alumeados limítrofes ou a recollida do lixo. Un escenario de cooperación intermunicipal, en definitiva, que segundo o rexedor “estaría aberto tamén a outros concellos” despois do cambio “sustancial” que se produciu no mapa político da comarca tralas eleccións de maio.

A nova alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, explicou pola súa banda que o convenio suscrito con San Sadurniño permitirá “ter por un importe xusto un servizo e que era unha demanda dos veciños e veciñas” e cualificou a sinatura como “un primeiro paso” no camiño de desenvolver iniciativas conxuntas. “A colaboración de concellos é a vía que temos que seguir todos”, asegurou Beatriz Bascoy, quen contrapuxo este tipo de acordos ás fusións de municipios propugnadas pola Xunta que, ao seu entender, “afastan os servizos da veciñanza, teñen maior custe e fan perder a identidade”.

24 de xullo de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.