publicidade hoxe

Salvemos Cabana pide máxima transparencia e cautela institucional ante o proxecto de biocombustible de Termo-Biológicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

A Plataforma recorda que hai unha investigación aberta sobre o caso impulsada por AGE no Parlamento de Galicia e que tanto a elevada extensión territorial coma o inxente volume de auga que segundo o anunciado necesita a iniciativa poderían poñer en cuestión a súa viabilidade a nivel ambiental.

Na pregunta parlamentaria formulada por Alternativa Galega de Esquerda denúnciase a opacidade das xestións e a completa ausencia de información pública, o que fai que sexan moitas dúbidas as que rodean a este proxecto tanto a nivel político coma a nivel informativo para sindicatos agrarios e colectivos sociais.

AGE pregúntase, ademais, o “como é posible que con este novo marco normativo, e tendo en conta que o sector dos biocombustibles está paralizado en Galicia, se vaia investir nas cantidades que se anuncian”, acerca dos 300 millóns de euros prometidos en medios locais.

Doutra banda, dentro do texto presentado por AGE, está “a relación da empresa con proxectos falidos en Canarias e Andalucía e as reclamacións multimillonarias por danos e prexuízos por parte desta”, facendo referencia a que o actual presidente de Termo-Biológicas S.L., subsidiaria da panameña Lysply Hidrógeno-Butanol-Gasolina S.A., aparece como titular de Lysply S.A., vinculada á construción dunha central termoeléctrica soar para producir e almacenar metanol e combustible na localidade tinerfeña de Granadilla de Abona e que en 2009 demandou ás autoridades implicadas esixindo unha indemnización de 85.000 millóns de euros en concepto de danos e prexuízos logo da suspensión do proxecto, finalmente desestimada pola Audiencia Nacional.

En 2012 a situación repetiuse no deserto de Almería nun proxecto da empresa Guradoor S.L. -coa participación de Lysply S.A.- para crear unha horta solar de máis de 20.000 hectáreas no termo municipal de Tabernas con extensión a Murcia e Albacete e no que igualmente tras a perda de financiamento e o rexeitamento das administracións rematou en instancias xudiciais solicitando neste caso a incrible cantidade de 620 millóns de euros diarios de indemnización a contar dende maio de 2012, correspondendo esta ao lucro cesante.

Salvemos Cabana non pode menos que manifestar a súa sorpresa ante os feitos presentados por AGE no Parlamento e recollidos de xeito fidedigno por diversos medios de comunicación e insta ás administracións implicadas a actuar coa máxima transparencia e cautela ante este proxecto industrial, nun proceso no que a información pública á cidadanía vaia por diante de intereses particulares ou supostos acordos de confidencialidade.

PROMESAS DE SOSTIBILIDADE ANTE UN INXENTE CONSUMO DE RECURSOS HÍDRICOS

Por outra parte, aínda que a empresa afirma na súa web que a súa tarefa se desenvolve “de forma limpa e sen contaminar” e que a súa actividade é netamente sostible, parece esquecer que este proxecto de xeración de biocombustibles necesita unha extensión territorial sen precedentes dunhas 2.100 hectáreas de extensión entre parcelas e zona industrial e un enorme volume de consumo de auga de 20.000 millóns de litros anuais nun momento no que tanto a Comarca de Bergantiños coma o resto da Costa da Morte atravesan unha pertinaz seca, o que como mínimo deixa interrogantes sobre se unha iniciativa semellante pode ser viable a nivel ambiental, feito que no seu momento terá que ser dirimido polo organismo competente.

A zona necesita un impulso económico e mellorar as súas cifras de emprego -en especial a nivel feminino e xuvenil-, pero non a calquera prezo e moito menos asinando un cheque en branco ante os novos cantos de serea que periodicamente chegan a nivel municipal. Quizais ista sexa a mellor lección a extraer do fracasado proxecto mineiro de Corcoesto, o feito de que as promesas empresariais desenvólvense nun terreo de xogo cargado de sonos de grandeza pero con moitas limitacións na vida real.

16 de xullo de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.