publicidade hoxe

Salvemos Cabana agradece a transparencia do Concello de Coristanco ao clarificar o proxecto industrial de Termo-Biológicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

A Plataforma considera fundamental que a proposta da mercantil transcendese á luz pública porque posibilita a súa análise e valoración detallada por parte de colectivos e particulares.

A XERACIÓN E ALMACENAMENTO DE METANOL, PRIMEIRO FACTOR A TER EN CONTA

No proxecto, a empresa defínese como “dedicada á produción de hidróxeno, metanol e combustibles industriais” e nalgunhas das súas patentes, como a de solicitude 201131445, que consta no rexistro da Oficina Española de Patentes e Marcas explicítase o procedemento a seguir “para a produción de enerxía a partir de alcohois inferiores, en especial de metanol”, o que implica que un dos piares desta industria é, precisamente, a obtención e almacenamento a grande escala desta substancia.

Sen embargo, hai que considerar que o metanol é un composto químico altamente tóxico recoñecido como tal pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o que significa que pode causar efectos moi graves sobre o ser humano. Esta substancia ten a capacidade de irritar os ollos, a pel e o sistema respiratorio, podendo tamén provocar fallos permanentes no sistema nervioso central e periférico cunha soa exposición aguda e incluso danos permanentes no nervio óptico, episodios graves de conxuntivite e queimaduras na córnea. Tal como definen os protocolos médicos a exposición a altas concentracións pode causar cegueira e mesmo a morte.

O descrito anteriormente fai que ante este proxecto, canto menos, proceda unha reserva e exame exhaustivo do custo-beneficio que pode ter para os concellos implicados na Costa da Morte e a Comarca de Bergantiños.

GRANDES CANTIDADES DE CARBÓN EN PORTOS DE PEQUENO CALADO

Por outra parte, Termo-Biológicas fai constar a solicitude de autorización a Portos de Galicia para utilizar as instalacións de Laxe e Cee para a carga de Carbón como materia prima, o que implica a súa descarga a gran escala pois o proceso industrial, tal como detalla a empresa, consiste na gasificación do po do carbón nun reactor mediante a achega de vapor de auga a alta temperatura e osíxeno, producíndose unha reacción química da que se obtén o gas sintético a partir do cal se xera a produción de combustibles que forma parte do proceso. En definitiva, este procedemento supón unha descarga e subministración constante de carbón para que o proxecto poida manterse en funcionamento.

Como no punto anterior, convén valorar suficientemente este feito, porque dende hai 30 anos, no porto da Coruña, a contaminación atmosférica e a suciedade que ocasionan as descargas a ceo aberto de carbón ven de provocar un problema de saúde na poboación dos barrios afectados, especialmente nas etapas de infancia e terceira idade, porque as emisións de micropartículas dispáranse periodicamente no peirao de San Diego, e tal como se denunciou en reiteradas ocasións, non é raro que se rexistren picos de máis de 300 unidades por metro cúbico cando o límite legal está en 50.

INMENSO CONSUMO DE AUGA NUN ESCENARIO DE SECA (E PRÓXIMAS RESTRICIÓNS PARA A POBOACIÓN)

En canto ao consumo de auga, as cifras non cadran. Mentres en medios de comunicación anunciouse publicamente que a solicitude a Augas de Galicia é de 20.000 millóns de litros, o proxecto dado a coñecer polo Concello de Coristanco reflicte que entre os insumos da parte industrial e a parte agrícola, esa cifra elevaríase aos 27.000 millóns de litros tan só nesa localidade.

Cabe preguntarse entón cal sería o total nun proxecto que abrangue, tal como explicita a empresa na súa propia web, 2.000 hectáreas de uso agrícola e 100 de uso industrial, todo nun momento no que diversos concellos da zona planean establecer un plan de restricións de auga debido á persistente seca e ao baixo nivel de ríos coma o Anllóns.

O PARÓN DO SECTOR DOS BIOCOMBUSTIBLES EN GALICIA

Tras a obtención de permisos, Termo-Biológicas recoñece textualmente no documento presentado en Coristanco que busca obter todos os beneficios que conceden as administracións local, autonómica, estatal e comunitaria, todas as axudas e beneficios fiscais, incentivos á produción, incentivos ao carbón -en caso de utilización de recurso nacional- e á non contaminación, aparte do propio financiamento.

Valorando todos os factores, e en especial o estancamento da industria dos biocombustibles en Galicia, hai que pararse a pensar en cal pode ser o futuro dunha iniciativa destas características, pois a modo de exemplo, a aposta desenvolvida na Ría de Ferrol por varias empresas beneficiadas por cuantiosas axudas públicas e incentivos de ata 19,2 millóns de euros, e que aspiraba a producir o 44% de biocarburante a nivel estatal, quedouse finalmente en nada.

Por todo iso, e á vista dos feitos, a Plataforma reafírmase na petición de transparencia e máxima cautela institucional, a que os concellos implicados sopesen supostos beneficios -pero tamén custes- e ante todo á necesidade de primar o Principio de Cautela ou de Precaución, que non deixa de ser unha apelación directa ao sentido común, nas súas decisións administrativas.

21 de xullo de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.