publicidade hoxe

Ribeiro Son de Viño trae a Ken Stringfellow (The Posies), Ataque Escampe ou Terbutalina entre outros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Grove
A-
A+
Presentación do Festival Ribeiro do Son Viño

Presentación do Festival Ribeiro do Son Viño

Volve Ribeiro Son de Viño, o único festival de Galicia que combina música en directo con catas dos mellores viños na contorna privilexiada de San Vicente do Mar. Ribeiro Son de Viño é unha celebración, a da nosa cultura a través da música, a gastronomía e o viño do Ribeiro. Creemos que tanta riqueza merece que dediquemos todo un día a festexala; unha xornada para gozar dos concertos, as catas de viño e o paradisiaco paisaxe que ofrece o Náutico de San Vicente do Mar.

Ken Strinfellow (The Posies), Ataque Escampe, Terbutalina, Os Amigos dos Músicos, Alex Casanova e Blues do País serán, xunto ao viño de Ribeiro, os protagonistas desta segunda edición, que comezará ás 13.00 horas e alargarase case ata o amencer.

Ribeiro Son de Viño tamén existe para achegar a cultura do viño ao público máis novo, por iso este ano, ademais de catas, concertos e praia, tamén haberá espazo para o diálogo entre adegueiros e artistas. Algúns dos músicos participantes compartirán as súas experiencias cos produtores do Ribeiro e contarannos como ven eles a cultura do viño mentres comparten un Ribeiro entre todos.

Todo isto sucederá ao longo de próximo 18 de xullo no Náutico de San Vicente do Mar, onde a maiores de contar coas adegas Alberte, Adegas Casal de Armán, Leira Viñoa&Pazo Casanova, Gran Gandarela e Viña Costeira de maneira presencial, tamén haberá unha Ribeirobarra con máis referencias de viños brancos para seguir probando outros viños e profundar máis na Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Programa

13.00. Empezaremos forte co brinde oficial a cargo do D.O. Ribeiro co que se ofrecerá unha cata de viño branco para todos os asistentes. Escenario exterior

14.30. Terbutalina, flamantes gañadores dos premios UFI ao mellor álbum en galego,  incendiarán a xornada e contaxiarannos da actitude coa que afrontar o resto da xornada. Escenario exterior

16.00. Blues do País, unha das nosas bandas máis orixinais elixirán un recuncho moi especial do Náutico de San Vicente para o primeiro concerto da tarde. Escenario alternativo

17.00. Viño e mocidade en Galicia, Conversas para atallar a ruptura xeracional + CATA DE VIÑO. Encontro ao redor dun Ribeiro para debater entre todos o problema da ruptura xeracional entre os mozos e a cultura do viño. Algúns dos compoñentes das bandas participantes tentarán arroxar luz sobre o asunto contándonos as súas experiencias sobre tan apaixonante tema.

18.30. Ataque Escampe, posiblemente a banda de pop coas mellores letras do país darán un novo significado ás míticas tardes de praia na Barrosa, non recomendamos aos bañistas que se afasten demasiado da beira durante o concerto. Escenario exterior

20.00. Brinde final con viño do D.O. Ribeiro. Escenario exterior

21.00. Os Amigos dos Músicos. Temos nova superbanda en Galicia e o Ribeiro Son de Viño ofréceche unha das primeiras oportunidades de coñecerlles e quererlles, mentres o sol comeza a porse na praia da Barrosa. Escenario exterior

22.00. The Mocker djs. Folclore popular desde Galicia a Nashville pasando por Manchester. música bonita para quen queiran seguir gozando do aire libre na Barrosa. Escenario interior

23.30. Ken Strinfellow. Sobran as presentacións para o que foi líder dos imprescindibles The Posies e membro da banda lendaria Big Star. Esta é a súa primeira vez no Náutico e asegura que está nervioso por coñecer este mítico lugar, e iso que non sabe o nerviosos que estamos nós por recibirlle. Escenario exterior

01.30 Alex Casanova debería pechar todos os festivais do mundo. Este compostelán chamado a converterse en estrela mundial do trash pop é tamén o responsable do himno deste verán. Xeado de limón non se vai a separar de ti ata que por fin ao baile a noite do 18. Escenario exterior

02.30- fin NANO VINILO dj.Con xa máis de 20 anos picando, este galego que revolucionou a escena desde o mítico local grovense Vinilo (2000-2011) alargará a noite todo o que lle deixemos cunha “sesión ecléctica, bailonga e vándala”. Escenario interior

As entradas para a celebración do verán están á venda en ticketea por 12€.

2 de xullo de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.