publicidade hoxe

Ponte Caldelas aposta pola creación dunha comisión de urbanismo aberta á oposición na que os concelleiros non cobrarán por asistencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O enfrontamento entre o voceiro do Partido Popular, Perfecto Rodríguez, e o líder de AVP, Alfonso Gutiérrez, marcou o final dun Pleno Ordinario de carácter organizativo celebrado pola Corporación Municipal de Ponte Caldelas no Salón de Plenos, a partir das 20 horas, o que favoreceu a asistencia de público.

O Pleno aprobou a proposta do equipo de goberno de apostar pola transparencia a través da creación da Comisión de Urbanismo, aberta á oposición, e na que os concelleiros non terán retribución por asistencia. O alcalde Andrés Díaz sinalou que esta decisión vai ligada á da rebaixa voluntaria do seu salario, en 8.000 euros, e á “necesidade de que unha xestión máis transparente non lle custe máis aos veciños e veciñas de Ponte Caldelas”.

Tras aprobar, cos votos a favor dos tres grupos que conforman o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a abstención do PPdeG, temas organizativos como o nomeamento da concelleira socialista, Pilar Couto Seoane, como representante do Concello no Consello Escolar da Galiña Azul ou a proposta de modificación das Bases de Execución do Orzamento 2015 ou a dación de conta, feita pola interventora, da rectificación da liquidación de 2014 por un erro contable do goberno anterior, a polémica xurdiu no último punto referido a mocións, rogos e preguntas. 

Neste apartado, o rexedor cedeulle a palabra ao voceiro do PPdeG quen rogou ao alcalde que nas súas intervencións públicas nas xuntanzas que está a levar con comerciantes e hostaleiros “non diga que o Concello está en bancarrota e que recibiu en herdanza un Concello endebedado cando sabe que non é así”. 

O alcalde, Andrés Díaz, deixou que o voceiro do PPdeG fixera unha longa exposición para xustificar as súas afirmacións para, a continuación, responderlle que “si de algo non pode presumir Perfecto Rodríguez é de boa xestión económica, pois cando chegamos ao goberno, hai escasos 45 días, nos atopamos con que o Concello ten unha débeda de nada máis e nada menos que un millón de euros e con case tódalas partidas do orzamento municipal comprometidas, sen esquecernos dunha factura de 15.000 euros de París de Noia contratada in extremis e como alcalde en funcións para condicionar o orzamento e a capacidade de xestión do novo equipo de goberno. Tamén quero recordarlle que baleirou por completo e de xeito irresponsable partidas como a dedicada a mercar materiais como cemento ou area que pon en risco incluso a capacidade de intervención en caso de urxencia para levantar ou evitar que se caia un muro”. 

Chegado este punto, Perfecto Rodríguez interrompeu en varias ocasións a exposición do alcalde o que motivou o enfado do voceiro de AVP, Alfonso Gutiérrez, quen solicitou ao rexedor a necesidade de traer a Pleno unha regulamentación das intervencións no capítulo de rogos e preguntas por considerar que a oposición abusaba do tempo “que non cronometrei pero desde logo vai camiño de entrar no libro Guinness sen que ninguén o interrompera e repetindo dun xeito mecánico o mesmo argumento unha e outra vez e, agora que lle queremos rebater, vostede interrompe unha e outra vez o que é unha falla de educación democrática e unha falta de respecto”, sinalou Gutiérrez.

O clima de enfrontamento foi medrando o que obrigou ao alcalde Andrés Díaz a amoestar ao voceiro do PPdeG e recriminarlle que “non tivera asumido a súa derrota e a cura de humildade que lle inflixiu a cidadanía cos seus votos. Vostede aínda non se deu conta de que o Concello pode funcionar sen vostede e, pese aos seus atrancos e intentos de boicotear a acción do novo goberno está vendo como somos capaces de responder ás necesidades dos nosos veciños e veciñas cunha xestión aberta, transparente e que pivote sobre a participación cidadá. O Concello non é seu, é de tódolos veciños. Ten que recoñecer a nova realidade e aprender a respectar a quen pensa diferente a vostede e que ten o encargo democrático da cidadanía de administrar doutro xeito o patrimonio municipal para favorecer os intereses xerais dos veciños e así o faremos”, sinalou Andrés Díaz.

Andrés Díaz resolveu a polémica sinalando que a vontade do grupo de goberno non é “cercenar en ningún caso o labor de oposición, nin moito menos, pero si sigue coa actitude obstrucionista de non deixar falar a membros do goberno ou rebater os seus argumentos respectando as quendas de palabra haberá que poñer en marcha mecanismos democráticos, xa previstos pola lexislación, para garantir o normal funcionamento do Pleno”. 

Non habendo máis temas, o alcalde levantou a sesión.

31 de xullo de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.