publicidade hoxe

Os produtos gastronómicos “Segredo Galaico” e “Castañam” participan no Encontro Corazón de Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

Os produtos gastronómicos “Segredo Galaico” e “Castañam” terán un espazo este ano no IV Atopo Corazón de Artesanía que se celebra desde hoxe e até o vindeiro domingo no antigo mercado dos pendellos de Agolada. “Secreto Galaico” presentará os seus embutidos tradicionais mentres que “Castañám” achegará a esta feira de artesanía a súa variada oferta de empanadas elaboradas con pan de fariña de castaña.

Deste xeito, o público que se achegue a este encontro anual de artesanía de Galicia poderá degustar e comprar os produtos destas dúas firmas ourensás centradas nas elaboracións tradicionais da gastronomía galega.

Embutidos artesáns, Segredo Galaico

“Secreto Galaico” produce fundamentalmente chourizo, chourizo ceboleiro, androlla, botelo, salchichón, touciño entrefebrado, espinazo e cachucha, procedentes de porcos criados con alimentos naturais e cunha elaboración libre de calquera artificio.

Afumados e curados, os produtos de “Secreto Galaico” concentran a experiencia artesanal de cinco xeracións dedicadas á elaboración de embutidos no sueste de Ourense, alí onde se presentan as mellores condicións para a cría tradicional do porco e a conservación das súas carnes.

Pan de castaña, Castañam

Tamén se presentou a empresa ourensá Castañam cos seus innovadores produtos alimenticios, recibindo unha excepcional acollida por parte de diferentes personalidades do mundo da gastronomía e público en xeral, destacando o seu carácter pioneiro e artesanal. 

Castañam deu a coñecer os seus produtos: pan e empanadas elaboradas con fariña de castaña nas que tanto a masa como o recheo están elaborados con produtos 100 por 100 galegos. Puidéronse atopar unha variada oferta de empanadas como “Castañam Lacón”, “Castañam alga wakame”, “Castañam touciño entrefebrado e chourizo”, “Castañam mazá” e “Castañam mexillóns”, así como pan de fariña de castaña “Castañam pan”, con bolos de pan de 220 gramos e 100 gramos respectivamente.

Os produtos da empresa xa están á venda en establecementos de Galicia e resto da Península, así como nas principais feiras de artesanía e produtos ecolóxicos. 

Os Pendellos, Agolada

O Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón de Artesanía, organízase no conxunto histórico-artístico de Os Pendellos, en Agolada (Pontevedra), durante este fin de semana próximo. 

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño puxo en marcha esta iniciativa no ano 2012 co obxectivo de favorecer a promoción, divulgación e comercialización do produto artesán galego. O Encontro, pensado tanto para o público xeral como para os profesionais e especialistas, permite tamén abrir novas vías de colaboración e oportunidades de negocio para os artesáns e emprendedores participantes.

3 de xullo de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.