publicidade hoxe

Os edís Mª Mar Rey, Mª Mar Moimenta e José Ramón González visitan ós voluntarios do campo de traballo de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

Os concelleiros Mª Mar Moimenta (Participación y Orientación Vecinal y Eventos), José Ramón González (Parques, Limpeza e Medio Ambiente) e Mª Mar Rey (Cultura e Educación) visitaron onte ós voluntarios e ós monitores do campo de traballo que se está a realizar na Ruta da Pedra e da Auga dende o pasado xoves para falar con eles e recoller impresións.

Catorce rapaces, de idades comprendidas entre 18 e 29 anos, chegaron a semana pasada ata Ribadumia dende diferentes zonas de España: Comunidade Valenciana, Andalucía, Euskadi, Estremadura, Castela e León e dous galegos de Lugo e A Coruña;  dentro do marco de Acción de Verán organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e co obxectivo de realizar tarefas medioambientais na Ruta da Pedra e da Auga.

Entre eles, tamén hai unha francesa, pero tal e como asegurou a tradutora do grupo  Aida “non teño moito traballo porque a única estranxeira fala castelán”.

Xavi é o coordinador encargado de programar as actividades e velar para que os rapaces se atopen nestes nove días que dura o campo nas mellores condicións posibles. Da parte medioambiental encárgase Rita, unha bióloga que estes días ensina ós voluntarios cáles son as plantas invasoras da ruta, ou plantas que antes non se atopaban e polo tanto non son autóctonas.

Este é o traballo que realizan todas as mañás na Ruta, e dende que chegaron xa percorreron máis da metade do camiño que lle corresponde ó noso municipio erradicando todo tipo de plantas invasoras. “Sorprendeunos o limpa que se atopaba a ruta antes de chegar nós. Nótase que ademais de turística é unha ruta transitada polos veciños e é unha marabilla que estea tan ben coidada. Non todo o mundo sabe diferenciar entre a flora autóctona e invasora, e por iso é normal que nese aspecto teñamos traballo; pero no resto nótase que está en moi bo estado”, afirmou Rita.   

Os monitores aseguran intentar “limpar o máximo cos recursos que temos, xa que algunhas plantas non se poden extraer de forma mecánica e necesitan maquinaria”, e grazas ó bo estado no que se atopaba a ruta, esperan terminar o tramo ribadumiense antes de partir de novo cara ós seus fogares. 

Aínda que o tema principal é o medioambiental, os rapaces aproveitan as tardes para actividades culturais:  excursións a Cambados, Vilagarcía, bodegas da zona, o Monte do Castro e varias visitas á piscina municipal para refrescarse despois das mañás de traballo ao sol.

 

Os voluntarios aseguran estar aprendendo moito da natureza e da zona, xa que moitos deles non a coñecían; pero tal e como marcaba os obxectivos do programa, o principal é aprender a convivir e polo de agora parece que nesa materia teñen sobresaliente.  

8 de xullo de 2015 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.