publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os alcaldes do Condado-A Paradanta solicitan unha liña de transporte interurbano que conecte cos 4 hospitais de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha reunión esta mañá cos alcaldes de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, e Arbo, Horacio Gil, quen, en representación dos rexedores da comarca do Condado-A Paradanta, lle deron traslado da necesidade da posta en marcha dunha liña que conecte estes concellos cos catro grandes hospitais de Vigo.

Os alcaldes consideran que coa posta en marcha do novo Complexo Hospitalario de Vigo, os veciños desta comarca, están a atoparse con problemas para trasladarse ata este hospital. “O ideal sería enlazar por transporte público os catro grandes hospitais da cidade olívica: o Álvaro Cunqueiro, o Xeral, Povisa e o Meixoeiro, facendo así unha ruta circular que comezara a funcionar a mesma hora que comezan as consultas nestes hospitais e mantendo frecuencias adecuadas aos servizos médicos que ofrecen”, expuxo Arturo Grandal.

“Non podemos esquecer”, explicou pola súa banda Horacio Gil, “que este servizo de transporte estaría a atender a unha poboación de case 50.000 persoas, chegando a duplicarse esta cifra si sumamos Porriño, Mos e Salceda de Caselas que tamén se verían beneficiadas por este transporte interurbano”.

Durante a reunión púxose sobre a mesa que a Xunta de Galicia, segundo unha disposición adicional da lei de racionalización do sistema de transporte público, ten competencia para habilitar e coordinar a extensión dos servizos interurbanos ao transporte urbano, e viceversa, concretando novas rutas e puntos de parada. Esta coordinación será de interese público para mellorar o funcionamento do transporte interurbano e urbano.

Finalmente, durante o encontro, os alcaldes tamén mostraron o seu interese porque se solucione canto antes a falta de sinalización do acceso ao novo hospital de Vigo. A este respecto, Cores Tourís explicou que os paneis xa están encargados e que se colocarán nos próximos días.

14 de xullo de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.