publicidade hoxe

Os alcaldes de Ponte Caldelas e Cotobade solicitan á Xunta que execute a mellora da estrada PO-234

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

Os alcaldes de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o Cotobade, Jorge Cubela, solicitaránlle á Xunta de Galicia que proceda canto antes a executar o proxecto de mellora da estrada PO-234 que une ámbolos dous concellos a través de Augasantas. Este foi un dos acordos acadados na xuntanza celebrada hoxe entre ámbolos dous rexedores, no Concello de Cotobade, na que tamén se abordaron cuestións relacionadas co impulso da colaboración institucional e da mellora de servizos para os veciños.

Asemade, Díaz e Cubela fixeron especial fincapé durante a xuntanza na necesidade de poñer en marcha esta obra que melloraría de xeito significativo a comunicación viaria entre ámbolos dous concellos e cuxo xa foi redactado pola Consellería de Medio Ambente, Territorio e Infraestruturas na época de Agustín Hernández como máximo responsable deste departamento autonómico.

Ese proxecto contemplaba un orzamento de máis de 2 millóns de euros e prevía o ensache da plataforma do vial ata os 7 metros (2 carrís de 3 metros e arcéns de 50 centímetros), ademais de rectificar varias curvas do trazado actual. Asemade estaba prevista a construción de sendas peonís ou beirarrúas en 3 zonas: na entrada de Augasantas, na travesía de Laxoso e na chegada ao casco urbán de Ponte Caldelas. 

Tanto Andrés Díaz como Jorge Cubela son conscientes de que se trata dun investimento moi importante pola súa cuantía, pero tamén polos beneficios que reportará á comunicación por estrada entre Ponte Caldelas e Augasantas-Carballedo polo que insistirán ante a Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na súa urxencia e necesidade de abordar canto antes.                       

Finalmente, Díaz e Cubela salientaron a boa sintonía personal e institucional acadada durante esta primeira xuntanza de traballo e comprometéronse a seguir ampliando estes contactos aprol de establecer novos vencellos de colaboración entre ámbolos dous concellos como xeito de aproveitar e impulsar sinerxias que axuden a mellorar as condicións de vida dos seus respectivos veciños.

14 de xullo de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.