publicidade hoxe

O Rei de España inaugura en Baiona a exposición do 50 aniversario do Monte Real Club de Iates

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+
O Rei de España coa xunta directiva. Foto: M. Muíña

O Rei de España coa xunta directiva. Foto: M. Muíña

A súa Maxestade o Rei inaugurou este mércores en Baiona a exposición fotográfica “Monte Real Club de Iates: 50 anos de historia”, que resume con imaxes o medio século de vida do histórico club baionés. Trátase da primeira visita de Don Felipe como Rei de España ao Monte Real Club de Iates, do que é Presidente de Honra desde o ano 1986, cando participou como regatista na primeira edición do Trofeo Príncipe de Asturias.

A súa Maxestade o Rei chegou a Baiona ao redor das oito da tarde e, tras ser recibido polo alcalde da vila, Jesús Vázquez, e o presidente do Monte Real, Gabriel Baltar, participou nunha reunión extraordinaria da xunta directiva, na que se ratificou o nomeamento a título póstumo do ex presidente do club, Don Rafael Olmedo Limeses, como socio de honra do Monte Real. Á sesión tamén asistiu como convidada a súa viúva, Mari Alonso, que agradeceu ao monarca os xestos de agarimo que tivo coa súa familia tras o falecemento de Don Rafael, ao enviarlles unha carta de pésame.

Tras manter unha charla distendida sobre asuntos do mundo náutico como, por exemplo, a última edición da Volvo OceanRace, o presidente do Monte Real, Gabriel Baltar, agradeceu tamén a Don Felipe a súa presenza hoxe no club, e o apoio manifestado ao longo dos anos coa súa participación en diversas edicións das súas regatas e en varias entregas de premios.

Ao finalizar a reunión, a Súa Maxestade o Rei accedeu ao salón Praia Ribeira do Monte Real para visitar a exposición fotográfica “Monte Real Club de Iates: 50 anos de historia”, unha mostra de 75 imaxes que repasan os capítulos máis importantes do club. 

Don Felipe puido lembrar así moitos dos momentos vividos no Monte Real, ao que durante anos acudiu para participar como regatista nalgunhas das súas competicións deportivas. 

Durante a súa visita á exposición, estiveron  todos os membros da xunta directiva do club e por varios representantes de Repsol, ABANCA, SabadellGallego, Baitra, Adegas TerrasGauda e Storax, principais empresas patrocinadoras dos eventos organizados polo Monte Real. 

Como recordo deste día, no club loce desde hoxe unha placa que deixa constancia da visita do monarca ao Monte Real con motivo dos actos do 50 aniversario.

Monte Real Club de Iates: 50 anos de historia 

“Monte Real Club de Iates: 50 anos de historia” é unha exposición fotográfica que resume con imaxes o medio século de vida do histórico club baionés.Desde o seu nacemento, o 24 de marzo de 1965, o Monte Real protagonizou algúns dos capítulos máis importantes da historia da vela, o que lle permitiu converterse en referente indiscutible deste deporte en España. 

A mostra lembra moitos deses momentos, como a Regata do Descubrimento de 1972, coa que o club empezou a soar con forza no panorama náutico internacional, varias edicións da Lymington-Baiona, campionatos de Europa e do Mundo, e numerosas regatas internacionais de Match Race de grao un, nas que participaron os mellores patróns a nivel mundial. 

Un apartado especial da exposición está dedicado ao Desafío Copa América presentado en 1989, co que a competición máis prestixiosa do mundo tivo, por fin, un representante español. En 1992 España acudiu por vez primeira á Copa América da man do Monte Real, unha fazaña que o club baionés repetiría en dúas ocasións máis, nos anos 1995 e 2000.

“Monte Real Club de Iates: 50 anos de historia” repasa tamén a evolución das instalacións do club en Baiona, desde que foron inauguradas en 1967, até a actualidade. A construción do dique de abrigo, a ampliación dos pantaláns ou a eliminación das barreiras arquitectónicas son algúns dos fitos que se lembran. 

Ao longo da exposición adquire unha presenza destacada a figura de Don Rafael Olmedo, presidente do Monte Real durante máis de 40 anos. Varias fotografías lembran, por exemplo, o seu nomeamento como fillo adoptivo de Baiona ou a súa distinción coa Medalla de Ouro ao Mérito da Vela, outorgada por lala Real Federación Española de Vela.

A presenza de varios membros de distintas xeracións a Familia Real, algúns dos barcos históricos que navegaron lucindo a grímpola do Monte Real ou a visita do equipo da última Volvo OceanRace a Baiona son outros dos momentos que se recuperaron do arquivo histórico do club para a exposición.

16 de xullo de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.