publicidade hoxe

O pleno de Touro aborda a repartición de áreas entre os concelleiros do equipo de goberno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro abordou na sesión extraordinaria do Pleno celebrado hoxe a repartición de áreas entre os concelleiros de Goberno e aprobou a creación da Xunta de Goberno Local. Tamén foi aprobada a proposta de dedicación exclusiva.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, asumirá a área de Obras, Servizos e Urbanismo, segundo a proposta de creación de comisións informativas. Jesús Martínez Pereira será delegado de Cultura e presidirá esta Comisión; Manuel Puga García, encargarase de Servizos Sociais, Igualdade de Xénero e Familia; Adela Isabel Iglesias Tojo, será delegada de Deportes; Alfredo Souto Castelo, de Agricultura e Medio Ambiente; Raúl Maximino Míguez López farase cargo de Facenda e Contas; María Josefa Codesido Barreiro, delegada de Promoción de Emprego e Turismo; e á fronte de Educación estará María Vitoria Pazos Pérez.

O Concello de Touro contará con tres grupos municipais: Partido Popular (8 concelleiros), BNG (2 concelleiros) e PSdeG-PSOE (1 concelleira). A celebración dun pleno ordinario será cada tres meses, que coincidiría co último venres do terceiro mes do trimestre natural. O PP apoiou este punto, BNG votou en contra e o PSOE abstívose. O primeiro pleno ordinario será o próximo día 25 de setembro.

Pola súa banda, a Xunta de Goberno Local, ademais de polo alcalde, estará integrada por Jesús Martínez Pereira, Alfredo Souto Castelo e Adela Isabel Iglesias Tojo. A proposta sobre creación da Xunta de Goberno Local contou co respaldo do PP. A oposición abstívose. E en función do establecido no artigo 46 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico dás Entidades Locais, os tres concelleiros antes mencionados tamén serán tenentes de alcalde. (Jesús Martínez Pereira, primeiro tenente alcalde; Alfredo Souto, segundo tenente alcalde e Adela Iglesias, terceira tenente alcalde).

O pleno do Concello de Touro tamén abordou a proposta de creación da Xunta de Contratación e de Compras. Estará presidida polo alcalde e por catro concelleiros: Manuel Puga García, Raúl Maximino Míguez López, Josefa Codesido Barreiro e María Vitoria Pazos Pérez.

O pleno tamén aprobou unha única dedicación exclusiva, que corresponderá ao alcalde, que percibirá por tal concepto unha retribución bruta anual de 40.000 euros, axustándose ao establecido por lei. Esta retribución será incompatible coa percepción de dietas por asistencia a órganos colexiados e a comisións de selección e tribunais. E serán de aplicación as normas de incompatibilidade establecidas na lexislación vixente. O pleno deu luz verde á cantidade de 150 euros como dieta por asistencia dos membros da Corporación que non teñan dedicación exclusiva ás sesións de Pleno, Xunta de Goberno Local, comisións informativas e Mesa de Contratación e Xunta de Contratacións e Compras. Neste punto o PP votou a favor, BNG en contra e o PSOE abstívose.

O Pleno, como último punto tratado da orde do día, aprobou a adhesión ao convenio marco entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a implantación dunha rede de oficinas integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.

1 de xullo de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.