publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O incendio da Mezquita queima xa unhas 100 hectáreas de Rede Natura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MezquitaSucesos
A-
A+
Europa Press

O incendio forestal rexistrado ás 00,08 horas deste martes na Mesquita (Ourense), o cal afecta a Rede Natura, queima xa unhas 100 hectáreas, segundo o último parte da Consellería de Medio Rural. O lume na Mezquita, que afecta á parroquia de Santigoso, está sen controlar, aínda que si estabilizado dende as 10,35 horas. Nos labores de extinción participan sete motobombas, 11 brigadas, catro axentes forestais e unha pa.

En concreto, hai tres incendios nestes momentos que afectan a unhas 705 hectáreas de Rede Natura en Galicia, que son os da Mezquita, Folgoso do Courel e Navia de Suarna, estes dous últimos na provincia de Lugo permanecen controlados dende o luns.

O incendio de Navia de Suarna, na parroquia de Ribeira, iniciado na tarde do sábado e controlado dende as 11,20 horas do luns, afecta a 410 hectáreas de Rede Natura -310 arboladas-. Traballan, entre outros, 10 helicópteros, seis avións, 49 brigadas e 26 motobombas.

Pola súa banda, o lume de Folgoso de Courel, iniciado o sábado ás 19,18 horas e controlado a última hora do luns, afecta a 195 hectáreas de Rede Natura, das cales 187 son de monte raso e oito de superficie arbolada. Na extinción colaboran, entre outros, sete helicópteros, tres avións, 44 brigadas e 27 motobombas.

Hai outro incendio en Entrimo (Ourense), na parroquia de Galez, que afecta a unhas 20 hectáreas, e está estabilizado dende as 22,00 horas do luns. Colaboran cinco helicópteros, cinco avións, 14 brigadas e seis motobombas, xunto a outros medios.

28 de xullo de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.