publicidade hoxe

O goberno de San Sadurniño informa de que as obras no campo de fútbol de Currás avanzan nos prazos previstos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

O cambio a céspede artificial do campo de fútbol de Currás superou onte unha das fases máis importantes de todo o proceso, consistente no aglomerado do futuro terreo de xogo. Varios operarios e equipamento pesado traballaron a reo durante a xornada para cubrir con asfalto preto de 6.000 metros cadrados de superficie sobre a que despois se desenrolará a alfombra sintética. Desde a concellaría de Deportes sinálase que as obras marchan “a bo ritmo e sobre os prazos previstos”.

A titular da área, Sabela Íñiguez, visitou onte á mañá o campo de Currás para ver no sitio os avances dos últimos días. Tralo nivelado e a preparación do firme os labores estiveron centrados durante o día no aglomerado da superficie. Unha tarefa “crucial” para a correcta execución dos traballos xa que, segundo explicou a concelleira, a plataforma “ten que levar unha inclinación determinada a catro augas desde o centro ata os estremos do campo para garantir unha boa drenaxe, fundamental tanto para as condicións de xogo como para a durabilidade do campo”. Ademais, a cobertura asfáltica ten que executarse “con grande precisión” para que non queden bolsas de aire que despois dificulten a adherencia dos rolos de céspede artificial.

O aglomerado é xunto co alfombrado de herba sintética o capítulo máis caro de toda a obra. O proxecto técnico deseñado polo Concello para contratala contemplaba unha achega deste material superior ás 700 toneladas cun custe próximo aos 40.000 euros, mentres que os do céspede se estimaban en algo máis de 117.000.

Os traballos de remodelación do campo adxudicáronselle á empresa Jardinería Arce S.L. en 323.213,19 euros procedentes dun convenio asinado entre o Concello e a Deputación da Coruña. Deberán estar rematados para primeiros de setembro, coincidindo co comezo da liga. O goberno local confía en que o terreo de xogo se poida estrear co arranque da competición, habida conta de que as obras “marchan a bo ritmo e sobre os prazos previstos”, asegurou Sabela Íñiguez.

29 de xullo de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.